A aplicación móbil do Camiño de Santiago estrea versión para iOS

martes, 7 de xuño do 2016 Redacción

A aplicación móbil do Camiño de Santiago da Xunta está dispoñible desde hoxe para IOS na App Store, un mes despois do seu lanzamento en Google Play, onde ten acumulado preto de 450 descargas. A aplicación ofrece información sobre todas as rutas oficiais do Camiño de Santiago desde a súa entrada en Galicia: Camiño Francés, Ruta Fisterra-Muxía, Vía da Prata, Camiño Portugués, Camiño Inglés, Camiño Primitivo, Camiño do Norte, Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, e Camiño de Inverno.
Os peregrinos dispoñen, así, en tempo real, de toda a información que necesiten en cada momento sobre os trazados oficiais das rutas xacobeas, a Rede Pública de Albergues coas súas características, horarios, localización, teléfono e fotografías; información sobre os eventos culturais, así como información detallada de todos os recursos turísticos. Tamén conta cunha funcionalidade de realidade aumentada que permite, a través da cámara do móbil, visualizar todos os puntos de interese situados nas proximidades.
Así mesmo, os peregrinos poderán consultar nela onde comer, onde aloxarse e que visitar en cada un dos tramos do Camiño, coñecendo a ampla oferta dos establecementos turísticos cos que conta. Ademais, a aplicación permitiralles coñecer información meteorolóxica (ofrecida por Meteogalicia) así como datos de contacto e dirección dos centros de saúde e emerxencias.
No apartado Meu diario, os peregrinos poden gardar os momentos máis importantes do Camiño, a través de notas de texto e fotografías, para posteriormente, a través da funcionalidade do espazo web A miña experiencia crear o seu propio libro dixital.
Esta aplicación móbil é unha das iniciativas do proxecto Smart Camiño que desenvolven a AMTEGA e Turismo de Galicia, e está dispoñible en galego, español e inglés, podendo empregarse boa parte das súas funcións sen necesidade de cobertura móbil.

PUBLICIDADE