A aplicación do Concello da Coruña xa permite pagar recibos municipais co móbil

luns, 24 de xullo do 2023 S. P.

A aplicación móbil App Coruña, dispoñíbel en sistemas Android e iOS, actualizouse á súa versión 1.16.1, na que, segundo explica o Concello, inclúense numerosas melloras para as persoas usuarias. Dende o Consistorio engaden que “con esta aplicación a cidadanía pode acceder á gran maioría dos servizos municipais desde o seu móbil ,consultar información en tempo real sobre o tráfico, os autobuses, BiciCoruña ou a axenda cultural; e tamén é posíbel consultar datos persoais como impostos, recibos ou préstamos bibliotecarios”.
Ao mesmo tempo, é posíbel personalizar a aplicación en función das preferencias de cada persoa usuaria, que “só necesitará as súas credenciais de acceso ao perfil municipal para dispoñer de diferentes servizos”.
As novidades desta versión, xa dispoñíbel, son a consulta de información de traxectos de autobuses metropolitanos e interurbanos, un planificador de desprazamentos pola cidade andando, en bus, en bicicleta ou en coche; melloras no módulo de presentación de suxestións e reclamacións, melloras no envío de notificacións informativas ou alertas de chegada do bus urbano á parada ou melloras na visualización de información de dispoñibilidade de bicicletas de BiciCoruña e nova información útil para as persoas usuarias do servizo. Ademais, outra das novas incorporacións é a inclusión dun novo método de pago de recibos ou impostos dende a propia aplicación. As persoas interesadas en empregalo só precisarán ter unha tarxeta bancaria e autorizar o pago na súa entidade, se é preciso.
"Con estas melloras, a cidadanía ten cada vez máis ao alcance da man os servizos que ofrecemos desde o Concello", indicou Nereida Canosa, concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas.
A edil destaca tamén que servizos como BiciCoruña “están totalmente integrados nesta aplicación e permiten a reserva e o desbloqueo de bicicletas, así como novas funcións, como un planificador de rutas”. Por outra banda, tamén hai información en tempo real do servizo de transporte urbano e moi axiña integrarase na aplicación o novo sistema de pagamento do billete do bus con código QR.
O Goberno de Inés Rey investiu 164.000 euros, co-financiados a través de fondos europeos FEDER, na creación desta aplicación. "O noso obxectivo é continuar a mellorar esta ferramenta e que cada vez chegue a máis coruñeses e coruñesas para poder facilitarlles o seu día a día", sinalou Canosa.

PUBLICIDADE