A aplicación de YouTube para Android ábrese á realidade virtual

xoves, 5 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos meses varios servizos de vídeo adaptáronse para reproducir vídeo en 360 graos, e agora YouTube dá un paso máis, e aproveita esta tecnoloxía para activar un novo modo de reprodución pensando na visualización dos vídeos con lentes de realidade virtual como o cartón de Google, ou sexa, que se empregamos un smartphone con Android, presentarse o vídeo a pantalla partida, de xeito que prodúcense dúas imaxes simultáneas, unha para cada ollo, coa que conseguir visión estereoscópica. Teriamos así o que normalmente entendemos como vídeo 3D, que ao sumar os sensores de movemento do smartphone, transforma o vídeo envolvente nunha experiencia de realidade virtual bastante impresionante.
Este tipo de reprodución de vídeos de 360 graos xa podía facerse dende aplicacións externas, pero agora é unha opción máis da aplicación de YouTube para Android, o que contribuirá claramente á súa popularidade, e para probar este efecto podemos ver vídeos como o dun glaciar islandés, unha actuación do violinista Tim Fain ou incluso un vídeo promocional de Los Juegos del Hambre.
Aínda que esta nova solución está pensada para reproducir vídeos de 360 graos, o sistema tamén permite empregala con vídeos ordinarios, o que convertería o cartón de Google nun simulador de pantalla de cine, experiencia que pode resultar bastante satisfactoria se temos un smartphone cunha elevada densidade de píxeles en pantalla.

PUBLICIDADE