A aplicación Servizos no Mapa fornece a localización de máis de 6.300 recursos públicos na nosa terra

luns, 27 de xaneiro do 2014 Redacción

Os pasados días fíxose reconto do acadado xa, a nivel de participación e froitos achegados, pola aplicación Servizos no Mapa da web corporativa da Xunta. Pois ben, no reconto en cuestión faise saber que a ferramenta conta arestora con máis de 6.300 equipamentos e servizos da Administración pública, autonómica, estatal e local. Estes equipamentos e servizos son do máis variado: culturais, educativos ou relativos á saúde. Asemade, dende que a aplicación se converteu en realidade para a cidadanía (a través do Espazo e! de xunta.es), foron acubillados no seu seo máis de 2.000 recursos. Con isto, sinálase, incrementouse o número de tipos de servizos dispoñíbeis dos 13 da súa orixe aos 21 da actualidade.
Para a Administración galega, cómpre salientar que Servizos no Mapa pon ao alcance da man das galegas e galegos unha nova funcionalidade que fai posíbel coñecer a súa posición física, ben sexa tendo en conta o seu computador ou o seu dispositivo móbil, co cal faise máis doada e precisa a información dos servizos e equipamentos que ten máis preto. Ademais, os novos recursos incorporados permiten acceder a datos detallados do contacto das oficinas de emprego, as casas consistoriais, os edificios da Administración de Xustiza, centros sociais, centros para persoas con diversidades funcionais ou motrices, para a nenez, para persoas maiores ou para a inclusión social. Estes datos engádense aos que xa ofrecía Servizos no Mapa sobre centros educativos; farmacias; centros de saúde; de hospitais e centros de especialidades; a Rede de Arquivos de Galicia; da Rede de Aulas da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), da Rede de Bibliotecas de Galicia; das Oficinas de Rexistro; dos museos e coleccións visitábeis do Sistema Galego de Museos; das oficinas de turismo; dos centros de información á muller e das oficinas do Instituto Galego de Consumo.
Sinalar que en datas vindeiras facilitarase a través desta ferramenta coñecemento acerca dos puntos limpos do Sistema de Información de Residuos de Galicia, as estacións de autobuses e trens, as oficinas agrarias Comarcais e as estacións de Inspección Técnica de Vehículos (ITV).

PUBLICIDADE