A aplicación PassCOVID está dispoñíbel ofrecendo datos, avisos e alertas sobre a pandemia

luns, 19 de outubro do 2020 S. P.

Este sábado 17 de outubro activouse finalmente a aplicación PassCOVID para todos os dispositivos iOS, ofrecendo información actualizada, avisos e alertas sobre a situación da crise sanitaria a todas as persoas usuarias dos aparellos co devandito sistema operativo. Polo que se refire aos trebellos con Android, a previsión da Xunta é que a versión estea dispoñíbel para a súa descarga a principios desta mesma semana. O Goberno galego lembrou, aproveitando o lanzamento da versión iOS, que se trata dunha ferramenta voluntaria de apoio á xestión da pandemia conectada directamente co Servizo Galego de Saúde. PassCOVID tamén é unha canle de contacto telemática cos cidadáns. Asemade, é un complemento do labor de rastrexo automatizado que realiza a app estatal RadarCOVID.
Á ferramenta lanzada polo Goberno central, PassCOVID engade múltiples funcionalidades como ofrecer información actualizada da situación da pandemia; facilitar a comunicación de contactos estreitos en caso de ser confirmado positivo; acceso ao código alfanumérico para introducir en RadarCOVID e alertas de establecementos nos que se rexistren concentración de contaxios.
A Xunta explica que as persoas que descarguen PassCOVID poderán optar por facelo como usuarios identificados, empregando o sistema de claves concertadas Chave 365, ou facelo de xeito anónimo. En función do perfil que elixan a información que recibirán será máis ou menos personalizada. O Goberno galego tamén explica que “calquera usuario da aplicación terá acceso a información sobre a situación da pandemia en toda a Comunidade e poderá seleccionar o concello do seu interese para estar ao tanto das restricións o medidas que se adopten nese municipio; ademais, todos os usuarios recibirán alertas, avisos e recomendacións que as autoridades sanitarias emitan sobre a evolución da COVID-19”.
A persoa que se identifique empregado o Chave 365 recibirá información sobre se foi identificado como contacto estreito ou diagnosticado da COVID-19. Neste caso, poderá informar a través da app dos contactos estreitos ao Centro de Seguimento de Contactos do SERGAS. Tamén recibirá no móbil o código para introducir en RadarCOVID e iniciar a comunicación a posíbeis contactos de proximidade que permite esa aplicación.
Neste labor de apoio á xestión da crise, a app facilita tamén o acceso ás ferramentas do SERGAS para o seguimento da enfermidade en pacientes en domicilio; dos contactos estreitos así como ao rexistro de viaxeiros para aquelas persoas que chegan á Comunidade procedentes dunha zona de alta incidencia do virus.
Para facilitar a xestión temperá de posíbeis contactos en establecementos PassCOVID permitirá ao usuario rexistrar, a través dun código QR, aqueles establecementos nos que estivese. No caso de que a autoridade sanitaria determine que nun establecemento concentrouse un número de contaxios relevante nunha data ou datas concretas, poderá enviar un aviso á PassCOVID. Se un usuario da aplicación estivo nese local e o rexistrou debidamente, recibirá un aviso da situación e as instrucións adecuadas.

PUBLICIDADE