A aplicación Nubelo permite aceptar e desbotar convites a entrevistas laborais

venres, 22 de xaneiro do 2016 Redacción

Ferramentas para buscar traballo e ofrecelo hai unha chea delas, pero se cadra había certos baleiros no que se refire a permitirnos xestionar os procesos de contacto coas empresas e cos profesionais potencialmente “contratadores” e “contratados”. Para cubrir este oco vén de xurdir precisamente Nubelo, unha aplicación que nos permite aceptar ou desbotar convites a entrevistas de emprego, e coa vantaxe de poder facelo “cun só aceno”. Segundo informan os seus desenvolvedores, trátase dunha ferramenta móbil baseada en asegurar a fórmula do perfect match entre candidato e empresa. Ou sexa, da “sintonía” máis axeitada. Polo tanto, a prioridade desta tecnoloxía non é achegarnos unha gran cantidade de oportunidades laborais, senón o feixe delas que saliente polo factor “calidade”.
O alicerce de Nubelo é un algoritmo que recomenda ás empresas candidatos afíns ás súas necesidades laborais para que poidan convidalos a entrevistas, podendo estes aceptalas ou descartalas “coma se fosen citas ao estilo Tinder”. É dicir, explican os seus responsábeis, “cando unha empresa publica un emprego, o algoritmo de Nubelo aconsella os candidatos máis acaidos, co que poderán enviar solicitudes de entrevistas para que ambas as partes poidan falar sobre o proxecto ou o posto en cuestión”.
Trátase pois dun simple convite a atoparse e falar, sinala dende Barcelona o director executivo de Nubelo, Francesc Font, quen engade que “primamos a calidade antes có volume de ofertas de traballo”. Así, os candidatos só recibirán ofertas que realmente encaixen coas súas preferencias grazas ao Big Data e toda a información dispoñíbel nos seus perfís dentro da aplicación de Nubelo, que se pode descargar xa para as plataformas Android e iOS.

PUBLICIDADE