A aplicación DispoApp de Santiago duplica a cifra de establecementos hostaleiros participantes

mércores, 17 de agosto do 2016 Redacción

A ferramenta DispoApp do Concello de Santiago, presentada o pasado 9 de xuño, está a colleitar un salientábel éxito de participación dende o seu lanzamento. Como lembraremos, foi desenvolvida integramente por Turismo de Santiago para informar en tempo real nas oficinas de información turística sobre a dispoñibilidade de prazas nos establecementos hostaleiros da cidade. A idea, sinalou o Concello daquela, era dar resposta á importante actividade de consultas rexistradas nas ditas oficinas sobre a dispoñibilidade de prazas dispoñibles en hoteis, pensións e albergues. A clave, materializada a través de DispoApp, foi permitir que fosen os propios establecementos os que cargasen na aplicación a dispoñibilidade de prazas que teñen en cada momento.
A ferramenta púxolle fin, definitivamente, á solución tradicional de ofrecer dende os centros de atención listaxes de teléfonos de establecementos sen máis información sobre se contaban con vacantes ou non. Segundo puidemos saber, as cifras acadadas até agora por DispoApp están a ir alén das primeiras expectativas dos hostaleiros e dos técnicos de turismo. Así, dende xuño atendéronse máis de 5.000 consultas, cunha media diaria superior a 80 reservas. Ademais, en breve incluiranse melloras para impulsar aínda máis o medre e espallamento da ferramenta. Segundo puido saber Turismo de Santiago, as vantaxes máis valoradas polos turistas teñen que ver coa “facilidade de uso da aplicación, tanto para introducir datos como para procuralos”.
Características e funcionamento
DispoApp é de balde para os aloxamentos da cidade e para os visitantes. Segundo salientou o Concello na presentación, “o proceso de carga é moi sinxelo e rápido para os establecementos; en apenas dez segundos poden indicar os cuartos que teñen dispoñíbeis en cada momento e os seus prezos”. Esta información pode actualizarse ao longo do día todas as veces necesarias. A actualización poderá facerse dende diferentes plataformas, ordenadores, teléfonos ou tabletas, para que sexa o máis sinxelo posíbel.
Durante o mes de maio, a ferramenta estivo funcionando con éxito nunha primeira fase de probas, nun proceso no que colaboraron arredor de 30 pensións e albergues da cidade. A día de hoxe, poden empregar a ferramenta todos os establecementos da cidade, máis alá de cal sexa a súa tipoloxía e a súa categoría, xa que o obxectivo é ter a maior información posíbel en tempo real sobre as prazas que hai dispoñíbeis en cada momento. De feito, arestora a cifra de establecementos participantes é de 59 (21 hoteis, 19 pensións, 14 albergues, 4 apartamentos turísticos e unha casa de turismo rural).

PUBLICIDADE