A aplicación Badi App facilita ao máximo a busca de compañeiros de piso

xoves, 17 de setembro do 2015 Redacción

A Rede, dun tempo a esta parte, funciona para moita xente como un medio para facilitar e acurtar procesos tradicionais da vida diaria. Como por exemplo buscar habitación. Nesta liña de botarnos unha man en actividades relacionadas coa vivenda (actividades que adoitan adiarse no tempo máis da conta) sitúase a aplicación Badi App, unha ferramenta de balde que se presenta como o remate e a solución da nosa peregrinaxe polos taboleiros de anuncios de facultades ou as inmobiliarias, na procura do noso vindeiro domicilio. Trátase dun recurso para dispositivos intelixentes que permite, en palabras dos seus creadores, “buscar compañeira/o de piso ou unha habitación de aluguer mediante un chat instantáneo, ao estilo Tinder”. Ademais, emprega un xeolocalizador que posibilita atopar aloxamento segundo a proximidade.
A aplicación, polo tanto, xunta nun único acubillo as ofertas máis próximas coa vantaxe engadida de coñecer a compatibilidade de gustos e necesidades entre arrendatarios e quen alugan. “E sen intermediarios”, explican os responsábeis do seu desenvolvemento, que engaden que o requisito principal para tirarmos partido da ferramenta é rexistrarnos e cumprimentar todos os eidos do perfil, co fin encetar a procura dunha habitación e dos vindeiros compañeiros de vivenda. “A aplicación”, engaden, “tamén evita as estafas en liña, que están no seu máximo apoxeo, e liquida un dos principais medos que ten o usuario á hora de alugar unha habitación: o descoñecemento da persoa coa que vai convivir”. Isto acádase tirando proveito dos recursos de procura de afinidade que se poñen en xogo: permítese a propietarios e inquilinos explorar intereses, afeccións e perfís dos candidatos a ser compañeiros de fogar para comprobar, previamente, se pode haber compatibilidade.
A iniciativa Badi App foi posta en marcha en maio de 2015 da man do emprendedor Carlos Pierre, grazas a un investimento persoal co que desenvolveu o deseño e a aplicación. Case un mes máis tarde, o promotor conseguiu captar 30.000 euros de investidores privados. O 40% adicouno a investimento en tecnoloxía e o 60% a mercadotecnia.

PUBLICIDADE