A alianza de MSN Vídeo e MTV bate récords en España

luns, 28 de xullo do 2008 Raquel Noya

Logo de anunciar o pasado mes de febreiro un acordo de colaboración europeo entre a MTV e Microsoft para a retransmisión en MSN Vídeo dos contidos da MTV Networks, España foi o país que mellores resultados achegou até o momento á devandita proposta, superando o millón de descargas entre os meses de abril e maio.
Ámbalas dúas compañías conseguen deste xeito cumprir cos obxectivos que tiñan previstos a curto prazo xa que, pola súa banda, MSN ampliou os contidos en exclusiva que ofrece aos seus usuarios e o tráfico en MSN Vídeo e MTV mentres que MTV incrementou a audiencia á que se dirixe.
Logo de levar a cabo unha serie de negociacións locais entre Microsoft e MTV, son varios os programas desta cadea que se poden ver de xeito exclusivo no noso país, so que os usuarios de MSN poden acceder a través do portal web.
Os contidos da MTV engádense á variada oferta de MSN Vídeo de entretemento que inclúe unha selección de novas, música, tráilers de cine, novas do corazón e outros vídeos de contidos variados.
O éxito da canle MTV en MSN obedece, segundo veñen de afirmar os responsables da unión de ámbalas dúas empresas, “ó crecente uso de Internet por parte dos máis novos, que navegan en busca de información, música e contidos descargables de calidade”.

PUBLICIDADE