A agricultura ecolóxica galega crea un servizo online para achegar produtos ao consumidor

mércores, 22 de abril do 2020 S. P.

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) está a dar pasos relevantes para mitigar os graves efectos que está a xerar o Estado de Alarma entre os produtores, tendendo pontes firmes, malia as restricións, entre os nosos alimentos eco e os consumidores. Por esta razón, vén de poñer en marcha unha guía de venda online de produto certificado. A través da páxina web do consello, os cidadáns teñen á súa disposición un amplo directorio con máis dunha vintena de operadores que lles levan a compra á casa.
O CRAEGA lembra que a actividade do sector e a distribución está garantida polo Real Decreto 463/2020, porén, “coas canles de distribución convencionais pechadas (hostalería e mercados tradicionais), moitos produtores ecolóxicos atravesan serias dificultades para dar saída á súa colleita”. Desta vontade de sortear os obstáculos é de onde xorde a dita iniciativa dixital, “unha plataforma web para poñer en contacto aos nosos operadores co consumidor final”, explica o presidente do Consello, Francisco López Valladares, que engade que aínda que nun primeiro intre a guía estaba dirixida só produtores, paseniño fóronse sumando empresas transformadoras e comercializadoras que tamén prestan servizo a domicilio.
Mercaproximidade
Alén da plataforma de venda online de produto ecolóxico, o CRAEGA colabora coa Consellería do Medio Rural en Mercaproximidade, unha iniciativa que nace para achegar a produción de agricultores, gandeiros e industrias á gran distribución. O proxecto impulsado tamén durante estado de alarma está a suscitar gran interese entre os operadores certificados e, polo momento, xa remitiron a súa solicitude 13 inscritos.

PUBLICIDADE