A actualización a Leopard presenta problemas a algúns usuarios, mentres que aparece unha versión crackeada para PC

luns, 29 de outubro do 2007 Marcus Fernández

O Leopard executándose nun PC

O pasado venres Apple estreou a 5ª versión do seu sistema operativo Mac OS X máis coñecida coma Leopard, e parece que está a causar problemas a moitos usuarios, que falan da aparición de pantallazos azuis ó máis puro estilo do Microsoft Windows, e que poderían estar provocados por aplicacións instaladas en versións anteriores do sistema operativo antes da súa actualización, o que parece ser máis grava en equipos baseados en procesadores PowerPC, pero a compañía de Steve Jobs parece que xa solucionou algúns dos problemas máis graves e publicou a solución para superalos.
Pero o que máis está a sorprender na comunidade de usuarios de Apple é que a poucas horas do lanzamento do Leopard xa apareceron copias do sistema operativo pirateadas para poder funcionar en ordenadores PC con procesadores Intel con soporte de instrucións SSE3. Nun principio iso non debería ser moi sorprendente (xa que existían versións modificadas de anteriores versións do Mac OS X adaptadas incluso para procesadores AMD con SSE2) pero a velocidade coa que moitos usuarios de PC se lanzaron a probar o novo sistema operativo de Apple non tiña precedentes.
De tódolos xeitos, hai que indicar ós usuarios de PC que queiran aventurarse a probar o Mac OS X que a operación non é sinxela e pode dar lugar a moitas incompatibilidades de hardware, xa que o S.O. de Apple está deseñado para funcionar nuns equipos determinados e non coa diversidade de compoñentes habituais nos PC.

PUBLICIDADE