A aceleradora de empresas VíaVigo deu a coñecer os vinte proxectos que pasan á fase formativa

martes, 5 de novembro do 2013 Redacción

Finalmente o pasado 29 de novembro desveláronse os vinte proxectos que pasarán á Academia de VíaVigo e que se incorporarán así á primeira fase do proceso desta aceleradora de empresas do Consorcio da Zona Franca, e coa posibilidade de acceder a unha dotación de infraestrutura, capital semente, formación e asesoramento especializado. O devandito proceso de escolma definitiva botou a andar o venres 25 de outubro, intre no que se inauguraban as actividades nas que participaban (ao longo de once horas) corenta equipos xestores dos proxectos preseleccionados na primeira fase de VíaVigo, participando no encontro denominado Start Up Day.
Cómpre informar que ViaVigo é unha iniciativa promovida polo Consorcio da Zona Franca e a sociedade de capital-risco Vigo Activo e que nesta primeira convocatoria de 2013 recibiu a participación de 131 ideas de negocio.
E indo ao miolo, do resultado das avaliacións ás que se enfrontaron os participantes sairon os vinte proxectos que participarán na fase de formación da aceleradora de empresa denominada Academia. En total foron máis de oitenta as persoas que participaron en diferentes dinámicas de grupo que se celebraron no Centro de Negocios de Porto do Molle. En catro escenarios distintos, decorados ao efecto no Centro de Negocios, os responsables dos corenta equipos realizaron diversos exercicios sobre supostos empresariais mediante os cales se mediron as súas competencias en creatividade, comunicación, negociación e traballo en equipo. As vinte iniciativas finalmente seleccionadas son as seguintes: Bialactis (deseño e produción de ingredientes funcionais especialmente probióticos), Citas de Saúde (desenvolvemento de software de citación na nube), Connectors (ponte de acceso bidireccional entre Reino Unido e España dirixido a demandantes de oportunidades laborais ou formativas), CreAppCuentos (rede social e editor de contos personalizados), Dart (desenvolvemento e comercialización de detectores de radiación), dFlow (ferramenta web para a xestión en cooperación de proxectos audiovisuais), EcoNene (plataforma de compravenda en liña de roupa para bebés), ePocketGuide (guía de viaxes para teléfonos intelixentes), FruitNeeds (desenvolvemento de zumes a partir de froitas frescas), Gamifik (aplicación móbil con acceso web para manter no tempo a relación cos clientes en negocios retail), IceeU (servizo na nube de medición por vídeo en tempo real do perfil demográfico dun negocio), LámparasdeCarton (ecodeseño, produción e comercialización de lámpadas de cartón), Like This! (aplicación de móbil que permite a identificación dun artigo de moda a partir dunha foto ou un vídeo, para logo buscalo nas redes e adquirilo), MoNET (solución de control remoto e predición de pragas en cultivos a través de redes sen fíos) Multibreves.com (plataforma para a publicación de anuncios en 100 portais de xeito simultáneo), ParkApp.es (aplicación multiplataforma para a procura, acceso e pago dende o móbil en aparcamentos e parquímetros mediante tecnoloxía QR), Postrum (solución para o seguimento e localización de activos en todo tipo de contornas, interiores e exteriores), Sevennis (deseño, fabricación e venda de moda agrupando creadores freelance), Use Feeling (aplicación con notificación vía móbil de propostas de lecer e cultura personalizadas que se axustan ao perfil de cada usuario) e Wayhoy (canle de TV interactiva e personalizábel baseada en contidos na nube mediante a conexión a un potente miniPC SmartTV por HDMI configurado e conectado a Internet por Wi-Fi).

PUBLICIDADE