A Zona Franca contará cun dron para a vixilancia dos distintos recintos do Consorcio
mércores, 1 de febreiro do 2023
A
Zona Franca de Vigo contará cun dron para a vixilancia dos distintos
recintos do Consorcio, tras un acordo con Securitas para desenvolver
un servizo de vixilancia con aparellos aéreos non tripulados como
solución de seguridade. O delegado do Estado, David Regades, asistiu
ás primeiras probas para poñer en marcha o servizo acompañado polo
director de Consultoría de Securitas, Jesús de la Mora Núñez.
Regades cualificou o servizo de “pioneiro no sector”.
David
Regades engadiu que se trata de “un sistema pioneiro que se proba
inicialmente no parque de Balaídos para optimizar a seguridade da
contorna e garantir o correcto desenvolvemento da actividade
empresarial”.
O
departamento de Operacións Aéreas de Securitas xestionou con Saerco
(Aeroporto de Vigo) e o Ministerio do Interior, xunto coa Patrulla
Pegaso da Garda Civil, as autorizacións e a coordinación
operacional necesaria para implementar unha solución que segundo
fixo saber Regades “cumpre con todos os estándares de seguridade e
coa actual normativa de drons española e europea”.
Securitas
Seguridade España, autorizada pola Axencia Estatal de Seguridade
Aérea (AESA) como operador de drons, mobilizou para este proxecto o
seu departamento de Operacións Aéreas, que formou a 6 vixiantes que
xa contan co certificado de piloto destes vehículos aéreos, e
dotounos cun dron de última xeración equipado cunha cámara con
zoom de ata 30 aumentos e outra de infravermellos de 640x512 píxeles.
“Os
drons xogan un papel determinante na evolución da seguridade privada
e están a cambiar a forma de protexer moitas instalacións, pero
levalo á práctica cumprindo co estrito regulamento de seguridade
esixe coñecementos, capacidades e experiencia. Estamos moi
orgullosos de que unha institución pública tan importante para a
industria galega como o Consorcio da Zona Franca de Vigo, aposte por
nós para implementar novas solucións de seguridade”, afirmou
Jesús de la Mora, director de Consultoría de Securitas España e
responsábel da área de Operacións Aéreas.
A
solución de seguridade aborda tres eixos fundamentais: seguridade,
protección e operacións. No eido da seguridade os drons cumprirán
funcións de detección de intrusións, roubos, accións vandálicas
ou verteduras para “proporcionar unha capacidade de reacción
rápida e eficaz sobre os posíbeis escenarios de ameaza no parque
industrial”.
Ademais,
reforzarán a protección dos traballadores e visitantes da Zona
Franca, grazas á súa capacidade de cubrir grandes extensións cunha
visión cenital e á precisión das súas cámaras equipadas para
detectar todo tipo de incidentes como conatos de incendio, danos nas
cubertas, así como situación das áreas de subministración e a súa
contorna.
Por
último, este servizo contribuirá a garantir a continuidade das
operacións controlando aqueles factores que poidan afectar os
procesos de actividade na Zona Franca tal como problemas de
circulación, retencións de tráfico, avaría de vehículos ou
saturación de zonas de aparcamento, entre outros.