A Zona Franca anuncia a ampliación do Parque Tecnolóxico de Vigo

venres, 27 de xullo do 2012 Raquel Noya

A delegada da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, vén de presentar perante o Pleno da entidade a súa nova política de inversións para o vindeiro ano 2013, que consiste, basicamente, en destinar unha maior cantidade de recursos económicos e persoais no apoio a emprendedores, e á innovación e internacionalización das empresas da área de Vigo.
Pedrosa aproveitou a ocasión para presentar os presupostos do Consorcio para o vindeiro exercicio, e lembroulle ás persoas asistentes que a entidade que representa “está para promover a creación de todo tipo de empresas, grandes e pequenas; para axudar ás existentes a competir con mellores armas e para facilitarlle o camiño a novos inversores”, apuntou.
O Pleno tamén coñeceu a previsión de liquidación do presuposto de inversións deste ano 2012, que coas contas revisadas estímase que se executen unhas inversións en inmobilizado por un importe de 15,5 millóns de euros, co que se acadaría así o cumprimento do 100% da contía presupostada o ano pasado.
Dentro do escenario empresarial, a actividade prevista para o vindeiro 2013 considera como liñas de actuación principais algunhas como o pulo á actividade empresarial de Vigo e a súa área de influencia; a mellora do rendemento enerxético das empresas instaladas en Balaídos; a comercialización do solo e demais dotacións dispoñibles en Porto do Molle e a finalización das obras e posta en marcha do novo Centro de Negocios e Iniciativas Empresariais e o Centro Tecnolóxico de Porto do Molle.
Este último está previsto inauguralo a mediados do vindeiro ano, data na que ademais se porá en marcha unha Rede de Emprendedores que terán accedo a un espazo virtual de seu, dende o que poderán acceder á oferta unificada de todas as axudas poñendo en relación a inversores e provedores de servizos.
No tocante á ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo, cabe dicir que se vai estender en 25 hectáreas, para o que se investirán máis de 30 millóns de euros.

PUBLICIDADE