A Zona Franca, Red.es e ANFACO-CECOPESCA impulsan a dixitalización das nosas empresas do mar

xoves, 9 de marzo do 2023 S. P.

O Consorcio da Zona Franca de Vigo propiciou unha reunión entre Red.es e a xunta directiva de ANFACO-CECOPESCA co obxectivo de atopar vías para impulsar a dixitalización do sector mar-industria. Ao encontro co director xeneral de Red.es, Alberto Martínez Lacambra, asistiron o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades; o delegado do Gobierno, José Miñones; a subdelegada do Gobierno, Maica Larriba, así como o presidente de ANFACO-CECOPESCA e director xeneral de Conservas Antonio Alonso, Iván Alonso; o secretario xeral de ANFACO-CECOPESCA, Roberto Alonso; e outros empresarios do sector e membros da xunta directiva: Albelo, CONNORSA, FRINSA, ACTEMSA, e Conservas Antonio Pérez Lafuente.
Contexto da xuntanza
Segundo reflectiron os representantes das ditas entidades e lembrou Regades, o complexo mar-industria, representado por ANFACO-CECOPESCA, estivo traballando cos ministerios de Industria, Comercio e Turismo, así como de Agricultura, Pesca e Alimentación para que a Comisión Europea acepte un PERTE Mar-Industria con investimentos en dúas áreas clave: dixitalización e sustentabilidade (por un importe para mobilizar de ata 400 millóns de euros). Na xuntanza deste xoves a organización expuxo ao director xeneral de Red.es o proxecto e o seu avance. O delegado da Zona Franca, David Regades, explicou que “estamos moi implicados na dixitalización e de feito Red.es xa realizou varias presentacións na nosa sede en Vigo dirixidas a diferentes sectores. Neste caso trátase dun dos sectores básicos da economía galega que queren modernizarse para medrar en competitividade e queremos apoiar o seu proxecto”.
O secretario xeral de ANFACO-CECOPESCA, Roberto Alonso, sinalou que “existe un liderado indiscutíbel do complexo mar-industria español que desexamos manter e para o que son necesarios investimentos que nos/nos permitan adaptarnos aos retos de transición dixital en beneficio da competitividade industrial e o emprego de calidade. Temos que seguir esforzándonos en novas vías de colaboración público-privada que, no noso caso, poderían ascender a mobilizar ata 400 millóns de euros de darse as condicións oportunas. Unha oportunidade que debemos aproveitar e que necesita da máxima eficiencia para impulsar o momento”.
Pola súa banda, o director xeneral de Red.es, Alberto Martínez Lacambra, subliñou que a entidade que dirixe, como “impulsora da transformación dixital do país”, está “á beira das empresas galegas neste proceso”. Así, referiuse a programas estatais como Kit Dixital, que deixou ata o momento “en Galicia máis de 65 millóns de euros de fondos do Plan de Recuperación e preto de 950 millóns en toda España, o que demostra que as pemes españolas son conscientes da necesidade de dixitalizárense”. Nese sentido, referiuse á addenda que se está negociando con Europa e que permitiría que as medianas empresas de entre 50 e menos de 250 empregados optasen ás axudas que ofrece este programa. Martínez Lacambra, aproveitou a reunión para poñer en valor outros programas de rRde.es, como os relacionados coa Intelixencia artificial e posíbeis convocatorias futuras.
O delegado do Gobierno en Galicia, José Miñones, destacou que “o Plan de Recuperación do Gobierno xa chega a Galicia e a Pontevedra, coa dixitalización como un dos piares básicos para o impulso das nosas empresas e sectores estratéxicos”. O delegado trasladou que o tecido económico galego pode contar co Goberno como “un dos principais aliados das empresas” e animou a ir “da man” para aproveitar “a oportunidade histórica do Plan de Recuperación” e “non perder nin un só euro para Galicia”.
Visita a Galicia de Red.es e 24 millóns de euros de Kit Dixital na provincia de Pontevedra
O director xeneral de Red.es realizou unha visita de dous días a Galicia para comprobar a marcha do programa Kit Dixital, dotado cun orzamento de 3.067 millóns de euros e financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Gobierno de España a través dos fondos europeos Next Generation EU. Ten como obxectivo transformar pequenas empresas, microempresas e autónomos de todos os sectores en todo o territorio nacional. Nestes momentos, recordou o director xeral, “en Galicia concedéronse ao redor de 14.000 bonos dixitais, o que supón máis de 65 millóns de euros dos fondos europeos xa chegaron ás pemes da Comunidade para implementar solucións básicas de dixitalización”. Na provincia de Pontevedra, ata o momento, concedéronse 5.000 bonos dixitais, o que supón que ao redor de 24 millóns de euros dos fondos europeos xa chegaron ás pemes pontevedresas para impulsar a innovación dos seus negocios.

PUBLICIDADE