A Xunta trasladará os seus Centros de Proceso de Datos á Cidade da Cultura

xoves, 22 de xullo do 2010 Redacción

Feijoo valorou positivamente a creación do Centro de Proceso de Datos Integral na Cidade da Cultura tras o Consello da Xunta de hoxe

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica creará un Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) que concentrará as funcións dos máis de 80 CPD cos que actualmente conta a Xunta de Galicia ante a súa imposibilidade de crecemento para afrontar a demanda de proxectos TIC precisos para mellorar a eficiencia da Administración galega.
O novo CPDI constituirá o que dan en chamar o «corazón dixital de Galicia», contribuíndo a mellorar a competitividade, reducir custos, acadar unha mellor eficiencia enerxética, gozar dunha maior flexibilidade, interoperatibidade e seguridade e simplificando a xestión da infraestrutura tecnolóxica da Xunta.
Agárdase que esta nova infraestrutura estea operativa no segundo semestre de 2011 nas instalacións da Cidade da Cultura (onde ocupará unha superficie de 1.095 m2 repartidos en 2 andares do Edificio de Servizos Centrais), e nun informe presentado hoxe no Consello da Xunta asegúrase que suporá un aforro do 50% en enerxía, do 30% en hardware e dun 30% en mantemento do mesmo, o que concretaríase nunha redución de custos anual de 3 millóns de euros.
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica tamén trasladarase ás instalacións da Cidade da Cultura, repartíndose entre o Edificio de Servizos Centrais e o Edificio do Arquivo.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijoo valorou positivamente esta decisión de Modernización que «amplía a utilidade e a rendibilidade social da propia Cidade da Cultura», dotando á Administración galega dunha infraestrutura que contribuirá a acadar os obxectivos da Axenda Dixital 2014.gal.
A Cidade da Cultura será, en palabras do presidente da Xunta, «unha infraestrutura unificada que dea resposta única a 1.260 centros administrativos, 1.400 centros educativos, 600 centros asistenciais e sanitarios, a 322 entidades xudiciais e a 1.500 oficinas de farmacia». Unha infraestrutura, agregou, que prestará servizo a máis de 90.000 empregados públicos, a outras administracións públicas ou universidades e, en definitiva, a toda Galicia.


Intervención de Núñez Feijoo tras o Consello da Xunta

PUBLICIDADE