A Xunta recibe unha distinción de Microsoft polo seu compromiso co galego nas TIC

xoves, 13 de novembro do 2008 Raquel Noya

A Xunta de Galicia vén de obter o recoñecemento da firma Microsoft “pola súa sensibilidade e compromiso co desenvolvemento e uso do galego no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC)”.
A entrega do galardón Microsoft Local Language Program Award, que recibiu a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, da man da xerente de Relacións Institucionais de Microsoft Ibérica, Montserrat Pardo, tivo lugar durante o desenvolvemento dunhas xornadas sobre pluralidade lingüística que se celebraron recentemente.
Con este premio, Microsoft, aseguran os seus responsables, “pretende mostrar o seu agradecemento á Xunta de Galicia que, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coincide coa compañía no obxectivo de que a diversidade lingüística existente no noso país se vexa reflectida no mundo das novas tecnoloxías e Internet”.
O galardón é un recoñecemento ao compromiso e “a excelente labor da Xunta” no lanzamento e impulso dos novos programas Windows Vista e Microsoft Office 2007 en galego.
Microsoft, “fortemente comprometida con Galicia”, din, está a realizar un “importante esforzo de investimento” para adaptar os seus últimos produtos de software á nosa lingua, a través dun sinxelo programa que se descarga de balde dende www.microsoft.es/gal e que lle permite aos usuarios de Windows Vista e Office 2007 poder empregar os seus programas integramente en galego.
Para deseñar estas interfaces, Microsoft contou co “imprescindible” soporte da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, que aportou asesoramento en cuestións lingüísticas e de terminoloxía e colaborou na avaliación das primeiras versións das interfaces nesta lingua.
Asemade, a Xunta tamén cooperou con Microsoft para por en funcionamento “un maratón” de descarga das interfaces en galego como parte da iniciativa conxunta de darlle pulo ao galego nas TIC.
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, mostrou a súa gratitude por este recoñecemento que, segundo explicou, “a anima a seguir traballando para que a nosa lingua estea cada vez máis presente nas novas tecnoloxías”, un obxectivo di, “prioritario do seu departamento e do Plan xeral de normalización da lingua galega”.
Microsoft conta, na actualidade, con interfaces en galego, catalán e euskera para Windows e Office dende as versións anteriores, como Windows XP e Office 2003, ata as máis recentes Windows Vista e Office 2007.

PUBLICIDADE