A Xunta presentará o venres a Axenda Dixital de Galicia

mércores, 23 de xuño do 2010 Redacción

O presidente do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijoo, e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, presentarán este venres as liñas estratéxicas da 2014.gal Axenda Dixital de Galicia ante os axentes políticos, sociais e económicos da Comunidade.
A Axenda Dixital de Galicia aglutina a estratexia en materia de novas tecnoloxías da Xunta e define as actuacións para maximizar o potencial social e económico das TIC como peza clave que axude a converter a economía actual nunha economía intelixente, sustentable e integradora cun alto nivel de emprego, cohesión social e territorial.
Cun orzamento público de preto de máis de 900 millóns de euros, na Axenda Dixital integraranse tamén os esforzos privados, que se estiman na orde de 700 millóns de euros. En total, o esforzo conxunto destinado ao desenvolvemento da sociedade da información achegarase aos 1.600 millóns de euros.
A Axenda Dixital de Galicia, con sete liñas estratéxicas e 40 programas, é o instrumento que establece o xeito no que as políticas tecnolóxicas darán soporte e reforzan transversalmente os distintos eixos de actuación do Plan Estratéxico; é a resposta para 2014 ao reto do crecemento intelixente, baseado no coñecemento e na innovación.

PUBLICIDADE