A Xunta presenta a súa primeira medida urxente no eido TIC: o plan para dixitalizar a xustiza

xoves, 16 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, vén de presentar o Plan TIC de Medidas Urxentes do Goberno galego, aprobado xa polo Consello da Xunta, mediante o que se establece o deseño e desenvolvemento dun programa de dixitalización da Xustiza. Este programa (integrado á súa vez no dito Plan TIC) conta cun orzamento de 2,1 millóns de euros. Durante a súa presentación, que contou tamén coa presenza activa do director xeral de Xustiza (Juan José Martín), a secretaria xeral explicou a natureza deste feixe de medidas urxentes. Trátase, subliñou, dun primeiro capítulo de programas a pór en marcha de xeito case inmediato e como estratexia previa ao que está por vir: a planificación estratéxica xeral da Xunta en materia de novas tecnoloxías da información. O plan de medidas urxentes terá un período de vixencia dende maio de 2009 até decembro de 2010, e o seu orzamento total é de 8,3 millóns de euros para estes dous anos.
Máis polo miúdo, e segundo informou Mar Pereira, o plan prevé decisións inminentes para “evitar impactos en proxectos e sistemas arestora en marcha, ademais de actuacións orientadas a mellorar a eficacia no gasto tecnolóxico, na liña de inducir un aforro efectivo nos tecidos de tecnoloxías da información da Xunta e que grazas ás TIC se poida mellorar o control do gasto noutros ámbitos da administración autonómica”.
Entre os piares do plan, engadiu a secretaria xeral, amais do devandito da xustiza no dixital inclúense os seguintes: acadar unha administración máis próxima da cidadanía pola vía das novas tecnoloxías, lograr meirande colaboración entre as institucións e as galegas e galegos aos que representan e poñer en marcha oficinas virtuais para o desempeño da función pública cun sistema de información de persoal.
Estes son, en palabras de Mar Pereira, os ámbitos de actuación do seu Plan TIC:
· A consolidación de procesos de posta en marcha de sistemas de información.
· A seguridade.
· A estabilidade continuidade dos servizos actuais.
· A mellora organizativa no servizo TIC en relación cos usuarios.
· A dinamización e o uso axeitado de sistemas de información.

PUBLICIDADE