A Xunta licita o equipamento para dixitalizar outras 30 salas de vistas

venres, 17 de xullo do 2020 Redacción

A AMTEGA vén de licitar a contratación do equipamento necesario para implantar outras 30 salas de vistas integramente dixitais, cun investimento de 840.000 euros. Unha vez completada esta instalación serán 76 as salas de vistas dos xulgados galegos preparadas para celebrar xuízos sen papeis.
As salas de vistas dixitais están dotadas cun software de uso sinxelo e intuitivo desde o que o auxilio xudicial manexa un equipamento tecnolóxico de última xeración: micrófonos dixitais con calidade de audio profesional; cámaras de vídeo de alta definición no estrado e no fondo da sala con zoom robotizado; videoconferencia integrada; e pantalla para visualizar a sala desde as diferentes perspectivas e tomas de datos para a conexión de equipos.
Esta solución integrada permite aos profesionais participantes nunha vista oral o uso do expediente xudicial electrónico sen necesidade de empregar documentos en papel. Ademais, facilita a visualización e gravación de probas físicas desde distintos puntos da sala e posibilita a participación de persoas desde fóra da sala con garantías para testemuñas protexidas e menores.
O obxectivo é a estender, progresivamente, á totalidade das salas de vistas dos xulgados galegos este modelo de salas de vistas integramente dixitais para axilizar as relacións e comunicacións no desenvolvemento da actividade xudicial; minimizar os custes derivados dos desprazamentos, tanto dos profesionais como dos cidadáns; posibilitar a declaración remota dos cidadáns nos procedementos xudiciais, e a incorporación das gravacións de vistas e a ao expediente xudicial electrónico.

PUBLICIDADE