A Xunta incrementa a dotación económica para mellorar a cobertura móbil no rural galego

xoves, 29 de decembro do 2022 Redacción

O Consello de Goberno da Xunta aprobou hoxe unha modificación da encomenda a Retegal por parte da AMTEGA que incrementa até 11,4 millóns de euros a dotación económica para a mellora da cobertura de telefonía móbil en 65 concellos do rural. En concreto, a modificación aumenta de 4 a 7,7 millóns de euros a encomenda relativa ás infraestruturas públicas que fará Retegal, aos cales se suman os 3,7 millóns de euros concedidos a Vodafone para a prestación do servizo.
A modificación da encomenda foi necesaria para asumir a execución das acometidas eléctricas nas parcelas cedidas polos concellos. No convenio asinado pola AMTEGA coa FEGAMP estas acometidas terían que ser proporcionadas tamén polos concellos, aos que a Xunta se comprometeu a axudar. Na reunión de seguimento do convenio do pasado 8 de agosto acordouse que a Axencia, directamente ou a través dunha entidade instrumental do sector público, sería a encargada de executar as acometidas eléctricas.
A modificación tamén foi necesaria para paliar os efectos dos incrementos dos custos de materiais.
Retegal terá ata o 31 de decembro de 2023 para a execución das tarefas encomendadas, que consisten principalmente na construción e posta á disposición dos operadores das torres de comunicacións necesarias para a prestación do servizo nestas zonas rurais illadas.
Pola súa parte, o prazo de que dispón Vodafone para a posta en marcha do servizo remata o 31 de outubro de 2024.

Actuación excepcional coa autorización da Comisión Europea

A Xunta puxo en marcha a actuación para dotar de cobertura móbil 290 núcleos de 65 concellos galegos ante a falta de interese por parte das operadoras en dotar estas zonas de cobertura porque aseguran que non lles resulta rendible. A esta situación súmase a ausencia de medidas para corrixir esta situación por parte do Goberno do Estado, que é a quen corresponde a competencia de impulsar o despregamento de redes de telecomunicacións.
Para facelo, a Xunta tivo que solicitar unha autorización expresa por parte da Comisión Europea. Galicia logrou así a primeira liña de axudas dunha Comunidade Autónoma para a extensión de telefonía móbil en España aprobada pola Comisión Europea.
A Administración autonómica trasladou esta iniciativa á Unión Europea hai tres anos, ante a falta de iniciativas do Estado. A pesar das actuacións levadas a cabo nos últimos anos que acadaron a cobertura móbil do 98 % da poboación, aínda existen territorios (zonas rurais illadas, espazos naturais) que carecen de cobertura 4G.
Para sacar adiante esta medida, a Xunta de Galicia contou coa colaboración da FEGAMP, coa que asinou un convenio de colaboración, así como coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), para identificar as carencias, xa que o Estado non dispoñía dun mapa detallado de cobertura que permitise establecer as zonas con carencias. Dos 94 concellos que solicitaron adherirse ao convenio, tras as comprobacións da AETG e a realización dunha consulta pública demandada pola Comisión Europea, detectáronse deficiencias de cobertura móbil en 65 deles.
Esta actuación puntual da Xunta conta co apoio do operador público Retegal, que construirá localizacións de soporte para o equipamento de telefonía móbil que porá á disposición de todos os operadores, permitindo non só a mellora da cobertura de telefonía móbil no ámbito desta medida, senón tamén o soporte a novas redes que permitan mellorar na dixitalización do rural.

PUBLICIDADE