A Xunta impulsa máis de 40 actividades para celebrar o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

mércores, 2 de novembro do 2022 Redacción

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron esta mañá na convocatoria de prensa de presentación da programación de actividades do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas na rede pública da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, así como nas bibliotecas escolares. No acto, que tivo lugar na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, tamén participaron a subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro, Cristina Rubal, e José Tubío, profesor e investigador da Universidade de Santiago de Compostela, e autor do manifesto deste ano titulado O deber de coñecer e transmitir a nosa historia científica.
Valentín García sinalou que “o mes de novembro é o momento en que chamamos a atención sobre os recursos con que contamos para divulgar ciencia en galego e achegar á cativada á ciencia nesta lingua, pero o uso destes materiais e a creación de actividades de temática científica no noso idioma pode e debe continuar todo o ano, nos centros educativos e nas casas”.
Pola súa parte, Anxo Lorenzo coincidiu na importancia desta iniciativa que axuda a “dar a coñecer e prestixiar a ciencia e as tecnoloxías” a través das actividades da rede de bibliotecas que, nas súas palabras, “son espazos de referencia para todos os públicos, sobre todo para o infantil e xuvenil”.

Laboratorios científicos durante un mes

Entre hoxe e o 30 de novembro, a Biblioteca de Galicia, así como as bibliotecas públicas Miguel Ángel Garcés da Coruña; de Lugo; Nós, de Ourense; Antonio Odriozola, de Pontevedra; Ánxel Casal, de Santiago, e Juan Compañel, de Vigo, acollerán ata 44 actividades de divulgación científica como obradoiros de robótica, sobre científicas galegas ou mesmo de experimentos; contacontos, charlas e mostras bibliográficas. A programación completa pode consultarse vía web.
Ao mesmo tempo, as bibliotecas escolares tamén se unen a esta celebración promovendo o desenvolvemento diversas iniciativas relacionadas coa ciencia. Nesta liña, o Portal Educativo mantén un espazo cunha selección de materiais sobre ciencia en galego, así como maletas viaxeiras que poden utilizar os centros de xeito temporal con temáticas arredor dos diferentes eidos científicos.
Desde a Consellería mantense, ademais, unha selección de libros de divulgación científica en galego como apoio ao alumnado nos seus traballos de investigación. A isto súmaselle o proxecto Biblioteca Creativa, enmarcado no Plan Lía (Lectura, Información, Aprendizaxe), a prol da introdución dun espazo de creación e experimentación na biblioteca escolar.
Os Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) tecen sinerxías cos equipos de biblioteca e cos departamentos co fin de conseguir que o alumnado descubra, coñeza e divulgue a ciencia en galego. Deste xeito, ademais de realizar experimentos, xogos, investigacións, conferencias, debates ou proxectos relacionados coa temática, estes recóllense en vídeos, podcasts, titoriais, aplicacións, presentacións ou revistas dixitais que se difunden a través de internet e das redes sociais e que poden consultarse no Portal da Lingua Galega.

PUBLICIDADE