A Xunta impulsa a dixitalización das pemes do comercio galego con máis de 9 millóns de euros

luns, 21 de decembro do 2020 Redacción

O Goberno galego impulsa con máis de 9 millóns de euros a dixitalización de máis de 1.300 persoas autónomas e pequenas e medianas empresas do comercio galego. Este dato foi dado a coñecer este luns polo director do IGAPE, Fernando Guldrís, xunto co director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, acompañados polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas.
Segundo fixeron saber, estes apoios, que mobilizan preto de 13,4 millóns de euros, canalizáronse a través de diferentes programas impulsados pola Administración autonómica, como os cheques e as axudas á dixitalización Industria 4.0 ou o Galicia Exporta Dixital, ademais do programa para impulsar a modernización e a innovación no sector comercial galego.
A través dos cheques de dixitalización reciben apoio 759 comerciantes, con axudas por 2,9 millóns de euros que permitirán mobilizar 3,6 millóns de euros. Sobre os datos globais da liña de apoios dos cheques de dixitalización, activada en xuño pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, Guldrís sinalou que “permitirá que 2.393 pemes de todos os sectores impulsen procesos de dixitalización que lles faciliten reforzar a súa actividade, achegando axudas por 9,3 millóns de euros que promoverán investimentos por valor de 11,7 millóns de euros”.
Destes preto de 2.400 beneficiarios, a maioría son persoas autónomas e micropemes, explicou. Co-financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, os cheques de dixitalización achegan axudas do 80% dos investimentos realizados por proxectos que teñan como obxecto a posta en marcha de tecnoloxías dixitais para a adaptación á situación provocada pola COVID-19, como o teletraballo, as solucións de conectividade no eido rural, ou sistemas de notificación e de control sanitario e aforo, entre outros. Os gastos realizados deberán ser dun mínimo de 1.500 euros e un máximo de 12.000 euros.

PUBLICIDADE