A Xunta concederá axudas para a adquisición de equipos de satélite de TDT

martes, 6 de abril do 2010 Raquel Noya

A Xunta de Galicia, a fin de levar o novo sinal de televisión a todas aquelas zonas que quedarán sen cobertura terrestre unha vez concluído o proceso de apagamento analóxico, está xa a tramitar axudas para a adquisición de equipos de recepción por satélite para aquelas localidades que, por razóns xeográficas ou sociais, precisan instalar equipos de cobertura dixital para esta plataforma, tal e como xa anunciara en distintas ocasións no Parlamento de Galicia o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro.
Estas axudas irán destinadas a persoas de colectivos en risco de exclusión social e serán tramitadas en colaboración cos concellos, instaladores e as deputacións provinciais interesadas.
O Plan Técnico Nacional de TDT, aprobado polo Goberno central, establecía para Galicia unha cobertura de TDT do 98 por cento. O Goberno galego pola súa parte fixou como compromiso chegar ao 100 por cento de cobertura. Nestes momentos xa é do 99 por cento e durante os próximos días, unha vez concluída a transición de sinal analóxico a dixital, técnicos da Xunta e das empresas instaladoras certificarán as distintas zonas sen cobertura terrestre, un requisito necesario para a instalación de equipos de recepción por satélite, tal e como establece unha disposición adicional da lei 7/2009 sobre modificacións técnicas de impulso á TDT.
Ás axudas que se publicarán proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOGA) poderán acollerse todas aquelas persoas que pertenzan a colectivos en risco de exclusión social, e irán destinadas tanto aos que vaian a instalar equipos satélites como, con carácter retroactivo, aos que xa o fixeran. Neste sentido o Goberno galego puxo en marcha varias unidades móbiles que percorren Galicia para poder tamén identificar a persoas sen cobertura dixital que por distintas razóns non informaron nin aos concellos, nin a instaladores nin ao 012 ou a Oficina Técnica da TDT.

PUBLICIDADE