A Xunta forma en ecommerce a mulleres emprendedoras e autónomas

venres, 21 de maio do 2021 S. P.

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, presentou este 20 de maio a iniciativa Feminino é dixital ante as principais asociacións de mulleres autónomas, empresarias e mentoras de Galicia. Trátase dunha proposta formativa e transformadora que se integra no programa Autónomos Dixitais, co que a Xunta formará en comercio electrónico ata finais de xuño e de xeito gratuíto a 1.200 traballadores e traballadoras por conta propia e aqueles que perderan o seu negocio como consecuencia da COVID-19 e estean en situación de baixa no réxime de autónomos.
No webinario, Lado destacou a importancia de “adaptarnos o antes posíbel á nova era dixital” e “darmos resposta aos novos perfís profesionais relacionados coa nova mercadotecnia, a analítica dixital ou o ecommerce que o mercado laboral vén demandando, con máis intensidade desde que comezou a pandemia”.
Lado incidiu en que a iniciativa non só está dirixida a autónomas dadas de alta, senón tamén a aquelas que tiveron que pechar os seus negocios como consecuencia da pandemia e co obxectivo de que teñan acceso a unha segunda oportunidade a través da dixitalización.
A formación, amais de gratuíta, “é flexíbel e adaptábel aos horarios de preferencia”, dixo.
Impártese a través dunha aula dixital e conta con asesoramento persoal.
Como dixemos, Feminino é dixital, que comezará o próximo 26 de maio, forma parte do programa Autónomos Dixitais que este ano diríxese a catro perfís: ademais das mulleres, á mocidade (menores de 30 anos); persoas entre 31 e 44 anos; e maiores de 45 anos. Para cada un deses catro perfís impartiranse dous cursos en formato dixital: un básico sobre fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico; e un avanzado, de especialista en ecommerce.
Cada curso consta de 50 horas de formación e ao seu remate as e os participantes recibirán un diploma de aproveitamento avalado pola Xunta.
As persoas interesadas en asistir ás clases poden solicitar a súa praza a través da páxina web de Autónomos Dixitais, do correo info@autonomosdixitais.com e da páxina da Oficina do Autónomo da Xunta.
Dous cursos
O primeiro dos cursos é Fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico, centrarase en coñecer os conceptos básicos e aspectos xurídicos do ecommerce, adquirir nocións básicas sobre marketing dixital, promoción e ferramentas 2.0 en Internet e identificar canles de comercialización e distribución.
Na acción formativa avanzada, de Especialista en ecommerce, dirixida a persoas con experiencia profesional na materia ou formación previa, coñeceranse as opcións de financiamento de proxectos de comercio electrónico e como elaborar un plan de mercadotecnia en liña. Afondarase en aspectos como a protección de datos, seguridade ou medios de pagamento dispoñíbeis, crearse e xestionarase unha tenda online con Prestashop e darase formación en xestión de datos, provedores e loxística de envío.

PUBLICIDADE