A Xunta e o sector TIC comprométense a potenciar o desenvolvemento dixital de Galicia

martes, 23 de xullo do 2013 Redacción

Esta mañá a Administración galega cun grupo de industrias tecnolóxicas asinaron un acordo que inclúe un decálogo de medidas para potenciar o desenvolvemento dixital de Galicia nun “compromiso forte e recíproco” en palabras do propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que busca consolidar “un sector TIC competitivo, innovador, xerador de emprego cualificado, capaz de facer fronte aos retos da nova economía do coñecemento”.
A sinatura do mencionado acordo realizouse nun acto celebrado na Cidade da Cultura de Galicia, onde o titular da Xunta informou de que o Goberno galego comprométese a elaborar unha Lei de desenvolvemento dixital para “a transformación de Galicia cara a unha economía baseada no coñecemento” e garantir a capacitación dos cidadáns para integrarse no contorno dixital e impulsar os “grandes proxectos tractores” de innovación tecnolóxica nos sectores produtivos estratéxicos para Galicia, apostando por convocatorias de financiamento de grandes proxectos que permitan captar fondos europeos. Feijoo tamén expresou o compromiso da Xunta en seguir impulsando as TIC en áreas como a sanidade e a educación, así como continuar a avanzar no goberno electrónico.
As empresas do sector TIC, pola súa banda, comprometéronse a apostar polo rural galego no desenvolvemento de tecnoloxía de nova xeración, a apoiar aos emprendedores dixitais de Galicia e a participar activamente como “mecenas dixitais” impulsando actuacións que capaciten á cidadanía e, en especial, aos colectivos en risco de exclusión, no emprego das TIC. O convenio asinado hoxe tamén detalla compromisos do sector para garantir mediante un programa de bolsas a incorporación ao mercado laboral de universitarios e estudantes de FP ao eido tecnolóxico.

Balance da Axenda Dixital Galicia 2014.gal


Na súa intervención, o presidente da Xunta destacou que o Goberno galego leva anos traballando na modernización tecnolóxica de Galicia a través da Axenda Dixital Galicia 2014.gal, que definiu como “unha folla de ruta con iniciativas altamente transformadoras”.
Así, subliñou que o investimento público-privado de 660 millóns de euros entre 2010 e 2013 permitiu avanzar na modernización da Administración e da Xustiza; impulsar a transformación do sistema educativo con iniciativas como Abalar; intensificar a vertebración territorial grazas ao Plan de Banda Larga; contribuír á mellora continua da sanidade a través de proxectos tecnolóxicos “nos que Galicia é líder”, como a receita electrónica; consolidar o Centro de Datos integral como infraestrutura clave do sector público; e lograr a blindaxe das telecomunicacións como un servizo público máis grazas á Lei de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia.

Empresas galegas, nacionais e internacionais


O presidente da Xunta agradeceu a implicación amosada polas empresas asinantes do protocolo, algunhas delas galegas, como Altia, Coremain, R ou Televés, e outras de ámbito nacional internacional como Everis, HP, Indra, IECISA, SATEC e Tecnocom. Ademais, avanzou o compromiso de Vodafone, Telefónica e Atos de adherirse ao convenio.
O presidente de la Corporación Televés, Ramón Bescansa de la Gándara, valora como positivo o pacto “xa que esperamos que a lei dixital (un dos compromisos do Goberno galego) axude de forma decidida ao sector TIC galego”. Por outra banda, sostén que é preciso “promover a creación de empresas de base tecnolóxica con proxección internacional” para impulsar o sector en Galicia.
Para o conselleiro delegado de R, Arturo Dopico, o Pacto é “unha boa nova” e “amosa, ademais, sentido da oportunidade e visión estratéxica”. En canto á situación da Comunidade a nivel estatal no eido das TIC sinala que “Galicia pode e poderá seguir competindo no contexto tecnolóxico estatal e mundial se continúa a investir en innovación, en despregamento de infraestruturas de telecomunicacións, en capacitación dos cidadáns para que se integren plenamente no contorno dixital.”

PUBLICIDADE