A Xunta e o Ministerio de Industria potenciarán o uso da tecnoloxía no sector turístico

venres, 21 de setembro do 2012 Redacción

O conselleiro Alfonso Rueda asinou o convenio co presidente de Segittur

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o presidente da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur), Antonio López de Ávila, asinaron hoxe un acordo de colaboración en materia de innovación e desenvolvemento tecnolóxico no sector turístico.
O presidente de Segittur e mais o conselleiro de Presidencia materializaron este acordo que suporá a adhesión da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia á plataforma Comparte Iniciativas, unha ferramenta de intercambio de transferencia tecnolóxica en materia turística posta a disposición das distintas comunidades autónomas, proxecto ao que xa se anexionaron outras Comunidades Autónomas como La Rioja, Murcia ou Extremadura.
Segundo explicou López de Ávila, a sinatura deste convenio marco de colaboración co Goberno galego constitúe una peza máis no camiño do “espírito de El Hierro”, cuxa base é compartir e traballar conxuntamente entre as distintas administracións para aforrar custes, compartir coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico que redunden en beneficio do sector turístico.
O acordo tamén prevé que Segittur apoie a Galicia na internacionalización das empresas e dos proxectos turísticos innovadores da nosa comunidade, acompañándonos na apertura de novos mercados. Ambos organismos colaborarán no intercambio de experiencias no desenvolvemento de soportes tecnolóxicos de xestión, que contribúan a incrementar a cualificación das empresas turísticas, a mellorar a súa xestión interna e a fomentar a participación dos empresarios no desenvolvemento dos seus destinos.

Conferencia sobre impulso á innovación no sector turístico

O presidente de Segittur impartiu no Centro Superior de Hostalería de Galicia un relatorio sobre as posibilidades da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas como responsable do impulso á innovación (I+D+i) no sector turístico español nos eidos público e privado.
Segundo López de Ávila, o obxectivo de Segittur é favorecer a migración cara un novo modelo de crecemento turístico en España baseado na creación, desenvolvemento e consolidación de empresas e destinos turísticos intensivos en innovación e coñecemento, que permitan crear novos mercados e nichos de negocio, así como expandir os existentes cara aqueles segmentos de meirande valor engadido en rendibilidade económica e ambiental.
O catro eixos de actuación de Segittur son as novas tecnoloxías, a innovación, o apoio aos emprendedores, así como a exportación do know-how turístico. O presidente de Segittur falou durante a súa intervención en Santiago de Compostela do apoio aos emprendedores do sector turístico. Para isto, dixo, “poranse en marcha varias accións encamiñadas a impulsar o espírito emprendedor e a creación de novas empresas a través de accións relacionadas coa atracción e retención do talento, a xanela única turística, programas de financiamento e mentoring”.

PUBLICIDADE