A Xunta e a Radio Galega centran en Xela Arias o III certame de podcasts Radio na Biblio

luns, 26 de abril do 2021 S. P.

Co gallo das celebracións do Día das Letras Galegas 2021, a Xunta e a Radio Galega convocaron a terceira edición do Concurso de Podcasts – Radio na Biblio, que este ano é un chamamento a realizar traballos creativos arredor da figura da poeta Xela Arias, homenaxeada este ano na festa do 17 de maio. A finalidade é “estimular a elaboración de produtos radiofónicos por parte dos estudantes, enfocados a salientar a riqueza do patrimonio lingüístico galego, especialmente vinculados á lectura de poesía galega ou ao mundo do libro, da edición e da tradución”.
Poderán participar neste concurso os 109 centros públicos participantes no co programa Radio na Biblio, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, así como outros centros que traballan xa co laboratorio de radio como ferramenta pedagóxica.
Por certo que na segunda edición do certame participaron 21 centros educativos que enviaron un total de 29 traballos.
Catro modalidades
O certame consta de catro modalidades, segundo o nivel do ensino (Infantil e primeiro ciclo de Primaria; resto de Primaria; ESO e Bacharelato; ensinanzas de Persoas Adultas ou Ciclos Formativos), e seleccionaranse dous podcasts por categoría. Cada centro educativo pode presentar un máximo de tres traballos, todos eles en lingua galega. O arquivo sonoro, que deberán enviar en formato mp3 ou wav, pode ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un boletín de novas, un faladoiro, un debate ou un programa monográfico, entre outros.
O prazo para a presentación de solicitude de participación e do resto da documentación rematará o 26 de abril de 2021.
Os centros gañadores nas distintas modalidades recibirán unha asignación extraordinaria de 1.000€ para melloras no laboratorio de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento do mesmo, sempre vinculado á biblioteca do centro. Así mesmo, poderán visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago de Compostela. Os podcasts premiados serán emitidos por esta emisora; á súa vez, serán difundidos a través da súa páxina web e da canle dixital do Diario Cultural.

PUBLICIDADE