A Xunta e Vodafone lembran que xa está aberta a segunda convocatoria de Connecting for Good Galicia

venres, 9 de xuño do 2017 Fernando Sarasketa

odigocero.com/Vodafone-e-a-Xunta-entregan-os-galardons-da-primeira-edicion-de-Connecting-for">días pasados AMTEGA e Vodafone anunciaron que o programa Connecting for Good Galicia ía ter continuidade, e hoxe temos máis detalles sobre a segunda edición. E tanto que é así, porque a operadora e máis o organismo galego TIC, xunto coa Consellería de Economía e Industria, veñen de recordar que está aberta a nova convocatoria de Vodafone Connecting for Good Galicia, cuxo prazo para a presentación de propostas ficará aberto até o vindeiro 2 de xullo. Como lembraremos, trátase da edición galega dun programa impulsado globalmente pola compañía de telecomunicacións e que se dirixe, no caso da nosa terra, a facer uso do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura para impulsar e acelerar proxectos tecnolóxico-sociais con vontade de mellorar a calidade de vida dunha manchea de colectivos. As convocatorias pódense achegar a través da web da Fundación Vodafone.
Segundo explica AMTEGA, a iniciativa Connecting for Good Galicia está dirixida a emprendedores e/ou PEMES de recente creación cuxos proxectos de negocio contribúan á innovación social, en concreto “aqueles que resolvan algún reto social no ámbito da educación, saúde, participación cidadá, ou calquera dos recolleitos na Axenda Dixital de Galicia 2020, valorando especialmente o enfoque inclusivo cara aos colectivos de persoas con discapacidade e persoas maiores”. O obxectivo do programa é “conseguir que estas iniciativas empresariais sexan negocios reais, e os seus produtos ou servizos despeguen coas maiores garantías de éxito”.
Nesta convocatoria seleccionaranse até un máximo de seis iniciativas de emprendemento, que contarán cun patrocinio de 2.000 euros cada unha, concedido pola Xunta, así como de axudas, outorgadas por Fundación Vodafone, para a contratación de persoas con diversidades funcionais ou motrices ou cognitivas con vistas ao desenvolvemento das súas respectivas ideas de negocio. Doutra banda, tamén poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha. Ademais, Fundación Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade de 10.000 euros, ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.

Os premiados da primeira edición do programa de innovación social e dixital

Os proxectos incorporados ao programa beneficiaranse de sesións de formación e asesoramento e accederán, segundo informa AMTEGA, “a un conxunto de ferramentas e recursos a través dun traballo personalizado e dunha metodoloxía de aceleración específica baseada na innovación”.
Ademais, engade a axencia que dirixe mar Pereira, todas as iniciativas disporán dun espazo de traballo na sede de Vodafone Connecting for Good, situada nas dependencias do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, para facilitar a coordinación e xestión das propostas.
A convocatoria
O prazo para a presentación de proxectos remata o día 2 de xullo. Unha vez finalizado este prazo comezará o proceso de selección dos participantes que constará de tres fases. Nunha primeira fase valoraranse todas as solicitudes en base á documentación achegada, nunha segunda fase os proxectos que sexan seleccionados terán que presentar documentación adicional, e nunha terceira fase convocaranse entrevistas persoais aos solicitantes que superasen as dúas primeiras fases, co fin de coñecer todos os detalles do seu proxecto. O fallo do xurado notificarase antes do 4 de agosto. A fase de formación dos proxectos seleccionados terá unha duración de seis meses comezando en setembro de 2017. Para máis información podemos consultar a web da Fundación Vodafone.

PUBLICIDADE