A Xunta e Filmin contribuirán á difusión do cinema galego cun catálogo monográfico

martes, 2 de xaneiro do 2024 S. P.

A plataforma en liña Filmin confírmase neste novo ano como unha das principais canles de acceso a contidos en galego, non só pola orixe galega (en 2007) da plataforma, senón tamén polos datos de presenza destes contidos na nosa lingua achegados pola Mesa pola Normalización Lingüística no seu Informe Xabarín 2023. Agora, a Xunta vén de apostar por Filmin para dar un novo paso na difusión do cinema galego. A través da colaboración con esta plataforma, porase a disposición do público un catálogo monográfico no que se agrupan filmes de autoría galega, xunto con outras películas que poden verse en galego grazas á dobraxe ou aos subtítulos.
Baixo a denominación Cinemas_GAL, reúnense máis de 80 títulos que xa formaban parte do repositorio da plataforma, pero que agora poden atoparse clasificados nunha única carpeta temática subdividida en categorías como Éxitos recentes do cine galego, Éxitos internacionais en galego, Autores galegos, Curtametraxes galegas, Documentais, O mellor cine europeo en galego, ou fitas baixo o epígrafe Música.
Esta canle é unha iniciativa estratéxica coa que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades quere “destacar a presenza de cinema galego no seu conxunto, facilitando a identificación e localización das producións galegas, ou que se poden ver dobradas ou subtituladas ao galego dentro desta plataforma, referente a nivel estatal na distribución de cinema de calidade”.
Segundo os seus datos, en 2023 Filmin volveu bater o seu propio récord en canto ao crecemento en número de persoas subscritoras, visionados e títulos en catálogo, así como en películas distribuídas en salas de cinema antes da súa chegada á plataforma.
Dentro desta canle atópanse tanto filmes de recente estrea como Matria, xunto a títulos que fixeron historia dentro do cinema galego polo seu recoñecemento internacional. Son os casos, por exemplo de O que arde, O corpo aberto, Lúa vermella ou 9 Fugas, ao igual que outras películas tamén dispoñíbeis que abranguen os xéneros de ficción, animación e documental como Dhogs, Trinta lumes, Costa da Morte, María Casares, a muller que viviu mil vidas, Valentina, Trote, Nación, A Esmorga, María Solinha, Os días afogados ou Dorothè na vila.

PUBLICIDADE