A Xunta dotará de polos creativos aos centros escolares para estimular vocacións científicas e tecnolóxicas

venres, 26 de marzo do 2021 Redacción

A Xunta de Galicia vén de compartir coa Xunta Autonómica de Directores os obxectivos do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta para deseñar os espazos escolares do futuro ao servizo das novas esixencias tanto de carácter académico como funcional e medioambiental.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, avanzoulles aos directores que, no marco deste novidoso plan, os centros escolares van contar con polos creativos vinculados á estratexia de ensino dixital. Serán espazos de creación deseñados e dotados para fomentar as competencias STEM (Ciencias, Matemáticas e Tecnoloxía), onde primen os novos métodos pedagóxicos de traballo colaborativo, solución de problemas reais e fomento de habilidades creativas. Para iso, vaise tomar como referencia a experiencia piloto dos Espazos Maker que se implantaron en 20 centros educativos. O Goberno galego quere agora que cheguen a todos.
Ademais dos espazos físicos, cun novo concepto de aula multifuncional e polivalente, o plan inclúe a dotación material con recursos de intelixencia artificial, robótica, domótica, procesado audiovisual, mecanizado e electromecánica, entre outros.
Trátase, en palabras de Román Rodríguez, de «avanzar cara centros educativos intelixentes» que, á súa vez, estean «abertos ás comunidades locais» onde se fomente a co-creación e a participación de alumnado, profesorado e familias.
O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica está dotado cun investimento de 191 millóns de euros para esta lexislatura, e nel faise fincapé nos aspectos académicos (como o deseño de espazos ao servizo da transformación dixital), nos aspectos das infraestruturas propiamente ditas (con espazos máis amplos, mellor ventilados, máis saudables e máis confortables), e de sustentabilidade enerxética e medioambiental (coa instalación de centrais de biomasa, entre outros).

PUBLICIDADE