A Xunta dixitalizará os fondos bibliográficos e documentais da Fundación Penzol

martes, 21 de agosto do 2012 Raquel Noya

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, en calidade de Presidente do Padroado da Fundación Cidade da Cultura, vén de asinar un convenio de colaboración co presidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta de Haz, mediante o cal levarán a cabo a dixitalización dos fondos bibliográficos e documentais desta última entidade, para a súa conservación e difusión a toda a cidadanía.
Entre os fondos da Fundación Penzol atópanse documentos relativos á obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, ao clero regular, documentos de carácter notarial así como outros procedentes de diversas asociacións, o que, en palabras dos asinantes, “contribúe ao valor singular do arquivo desta entidade”.
A través da Cidade da Cultura, a Consellería realizará o labor de conservación e difusión dos documentos da Fundación Penzol, para o que fará falta investir uns 35.000 euros en traballos de dixitalización.
Ámbalas dúas entidades manifestan así a súa vontade de promover accións dirixidas a recuperar, conservar, facilitar o acceso e estudo, e difundir á sociedade o patrimonio documental e bibliográfico da Fundación Penzol, mediante a súa dixitalización e creación de metadatos que faciliten a consulta posterior deste tesouro bibliográfico único e singular do patrimonio galego.
O resultado do proceso de dixitalización dos fondos da Fundación Penzol serán entregados á Fundación Cidade da Cultura para a súa utilización no Arquivo e na Biblioteca de Galicia, así como na propia Fundación. Deste xeito coidan que “os documentos terán unha maior utilización e difusión pública, de xeito que permita a consulta dos mesmos mediante as novas tecnoloxías da información”, afirman.
A primeira iniciativa que recolle este convenio ten que ver coa reorganización e a dixitalización do pequeno fondo documental Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, formado por abondosa documentación de contido político no período que segue á derrota das forzas republicanas na Guerra Civil. Entre os documentos a dixitalizar atópase correspondencia e informes con membros destacados do exilio con varias minutas e borradores de contestacións do propio Castelao.

PUBLICIDADE