A Xunta dixitalizará máis de 105.000 documentos bibliográficos do patrimonio eclesiástico

luns, 17 de xaneiro do 2022 S. P.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e Cultura, anunciou a vindeira dixitalización de máis de 105.000 documentos bibliográficos do patrimonio eclesiástico para poñelos a disposición da cidadanía. Este labor, que se vai levar a bo entre os anos 2022 e 2023, implicará a integración dos documentos en Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia xestionada na Cidade da Cultura. Investiranse 84.000 euros.
Trátase dunha actuación que se fará ao abeiro dos fondos de Mecanismo de Recuperación e Resilencia e que foi acordada na última reunión da Comisión Mixta Xunta-Igrexa presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.
Así, os 105.123 documentos, entre os que se atopan fichas co inventario dos bens móbeis ou información sobre partes de maior interese artístico e histórico como pinturas, arcos ou inscricións, sumaranse aos xa existentes no repositorio, composto por preto de 2,5 millóns de documentos e máis de 6.800 rexistros bibliográficos dos fondos máis relevantes.
“A dixitalización destes documentos”, informou a Consellería, “permitirá enriquecer o patrimonio bibliográfico dixitalizado da nosa Comunidade ao tempo que se garante a súa preservación e se facilita á cidadanía o acceso a información dalgúns dos bens patrimoniais máis destacados, con documentación detallada sobre o seu inventario e elementos máis singulares”.
Esta actuación enmárcase no compromiso da Administración autonómica coa preservación e rehabilitación do patrimonio cultural, no que investiu 10,2M€ nas seis dioceses durante o último exercicio.
Entre as intervencións apoiadas este ano grazas a este investimento figuran obras de restauración como as realizadas no santuario da Nosa Señora das Ermidas, no Bolo; na igrexa de San Pedro, en Lugo; no Colexio do Cardeal de Monforte de Lemos, ou nas catedrais de Ourense, Santiago, Mondoñedo ou Lugo.

PUBLICIDADE