A Xunta difunde en Galicia o programa Kit Dixital de Red.es

martes, 15 de febreiro do 2022 Redacción

A Xunta difundirá en Galicia o programa de axudas Kit Dixital impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e enmarcado no plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que esta mañá presentouse na Cidade da Cultura nun acto no que participaron a directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o director xeral de Red.es, Alberto Martínez.
Mar Pereira salientou na súa intervención a importancia de sumar esforzos entre as administracións para gañar en efectividade nos programas de dixitalización que se levan a cabo no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia; mentres que Alberto Martínez sinalou que «a dixitalización chegou para quedar, si ou si, e non debemos deixar a ninguén atrás. Polo que este programa non é só unha oportunidade para as pequenas empresas e autónomos, senón tamén para as pemes dixitalizadoras».
O programa Kit Dixital presentado hoxe complementará as accións que leva a cabo a Xunta para a dixitalización das pemes e será desenvolvido con fondos Next Generartion por Red.es. O programa conta cunha dotación de 3.000 millóns de euros para axudas a pemes.
A Xunta difundirá o programa Kit Dixital tanto en accións dirixidas a axentes dixitalizadores como ás propias pemes dos diferentes sectores de actividade. Farao a través de eventos específicos no GaiasTech, así como a través de enlaces á plataforma Acelera Pymes. Tamén puxo a disposición deste programa as oficinas locais de Acelera Pemes. Así mesmo, prestará soporte para a solicitude de axudas a través da rede de aulas CeMit.
Máis de 70.000 pequenas e medianas empresas de Galicia poderán optar a recibir estas axudas. Ademais, as máis de 3.000 empresas do sector TIC galegas poderán optar a participar no Kit Dixital como axentes dixitalizadores. Neste sentido, hai xa 250 empresas tecnolóxicas galegas interesadas en participar.
Na presentación de hoxe, o director de Economía Dixital de Red.es, Luis Prieto, explicou o programa aos asistentes, que puideron coñecer de primeira man experiencias de éxito en sectores como a panadería, a medicina ou a viticultura.

Apoio ás pemes no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030

Este programa complementa as accións desenvolvidas pola Xunta de Galicia para apoiar a dixitalización das pemes, que permitiron que no ano 2021 se destinaran máis de 23 millóns de euros a axudas. Ademais das achegas por importe de 7,4 millóns de euros para a dixitalización e a realización de obradoiros, a Xunta puxo en marcha liñas específicas, como o programa Galicia Exporta Dixital, con 6 millóns de euros; o Cheque Dixital, con 4 millóns de euros, ou as axudas para a promoción dixital para a hostalería, con 6 millóns de euros.
A Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten en marcha o programa ReAcciona, con convocatorias abertas ata o mes de abril de 2022. Esta acción ten como obxectivo capacitar ás pemes ante os novos retos e acelerar os procesos de mellora e incorporación de coñecemento ás súas estruturas. Dispón dun total de 15 servizos ao redor de catro eixos de competitividade: a estratexia, a profesionalización, a dixitalización e a innovación.
Estas actuacións enmárcanse na estratexia Galicia Dixital 2030, que no seu eixo sétimo Economía Dixital e Sostible, promove o impulso é dixitalización empresarial para a competitividade.

PUBLICIDADE