A Xunta creará un consello para coordinar actuacións aeroespaciais público-privadas
luns, 13 de febreiro do 2023
O
conselleiro
de Economía Francisco Conde, participou na inauguración da xornada
monográfica do Polo Aeroespacial de Galicia organizada xunto co
Consorcio Aeronáutico Galego no Centro de Investigación Aeroportada
(CIAR) de Rozas. Na súa intervención, Conde apuntou que “o sector
privado galego debe liderar os vehículos e sistemas non tripulados
en España e fóra dela, tirando proveito do apoio da Administración
autonómica para transformalo en contratos, en investimentos en
innovación e industriais e en emprego”. Adiantou que o Goberno
galego creará un consello empresarial para coordinar actuacións
pola vía da colaboración público-privada.
Este
consello, que contará con empresas galegas, reunirase de xeito
peridico e revisará os avances, axudando á toma de decisións.
Conde
salientou a súa confianza en que o tecido empresarial, xunto cos
centros tecnolóxicos e de investigación, “será capaz, a través
do Polo Aeroespacial de Galicia, de incrementar a súa participación
en convocatorias de I+D nacionais e internacionais, en programas
aeroespaciais e na venda da súa tecnoloxía noutros mercados,
apuntando que a Administración autonómica traballará man a man
coas empresas para lograr estes obxectivos”.
O
vicepresidente económico lembrou que o investimento público-privado
arredor do Polo Aeroespacial “ten sido moi superior ao inicialmente
esperado”, e así, os primeiros cinco anos pecharon cun
investimento de máis de 164 millóns de euros, e nos dous anos do
novo período de investimentos mobilizouse xa máis do dobre: 333,6
millóns de euros de fondos públicos e privados. O obxectivo é
chegar aos 540 millóns de euros de investimento no período
2021-2025 se finalmente se logran fondos europeos procedentes do
PERTE aeroespacial.
Conde
resaltou a contribución de instrumentos como a pública innovadora,
que permitiu, dixo, “crear as bases para que a industria galega
poida traballar directamente coas principais empresas do sector, como
Airbus, Boeing e Telespazio, os novos socios industriais en Rozas, e
con líderes nacionais como Indra, GMV, Babcock España ou
Telefónica”.
Tamén
informou que ao longo de 2023 poranse en marcha dous novos
instrumentos. Por un lado, axudas para a compra privada de
innovación, que financiará con axudas públicas á I+D a aquelas
empresas e centros galegos capaces de asinar acordos con grandes
usuarios privados, e por outra banda potenciarase a cooperación
técnica, apoiando aos potenciais clientes das empresas galegas para
que poidan abordar o proceso de licitación necesario para contratar
tecnoloxías, produtos e servizos.