A Xunta convoca prazas na escala de Sistemas e TIC por primeira vez en nove anos

mércores, 13 de abril do 2011 Redacción

A Xunta de Galicia acaba de actualizar o programa que rexerá no proceso selectivo para o acceso ao Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de sistema e tecnoloxías da información, co fin de convocar nos vindeiros meses por primeira vez en nove anos prazas para esta especialidade.
O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 11 de abril este programa, xa que a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda considera que o tempo transcorrido e o desenvolvemento experimentado neste área tecnolóxica esixía un novo temario para proporcionar os coñecementos axeitados tanto sobre os sistemas como sobre o marco lexislativo no que estes operan.
Este proceso selectivo, que cubrirá 15 vacantes, convocarase nos próximos meses en desenvolvemento da Oferta de Emprego Público da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011 publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 4 de abril. No convocado no ano 2002 ofertouse unha única vacante.

PUBLICIDADE