A Xunta contratará novos contidos para fortalecer a plataforma do libro dixital

venres, 28 de xullo do 2017 Redacción

Hoxe o Goberno galego informou da vindeira contratación de novos contidos educativos para reforzar a plataforma do libro dixital, “da que disporán 154 centros e máis de 11.600 alumnos o vindeiro curso”. Así o deu a coñecer o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que engadiu que mediante o novo contrato, dotado con até 2,7 millóns de euros ata 2020, incorporaranse mediante un concurso público un terceiro provedor de contidos dixitais para as materias que se imparten entre 5º de Primaria e 2º de ESO e un cuarto para as materias de inglés destes niveis educativos. “Estes contidos sumaranse aos que xa subministra a empresa tecnolóxica Netex e a editorial Edebé”, informou.
Ao mesmo tempo, Feijóo dixo que ao abeiro deste acordo, crearase un espazo para que os profesores poidan elaborar os seus propios contidos educativos dixitais, para o que as empresas TIC e audiovisuais porán as ferramentas necesarias. Ademais, porase en marcha un plan de formación nos centros sobre todo as iniciativas que acompañan á implantación do libro dixital para os docentes. O obxectivo do Goberno galego, engadiu, é crear “unha rede de contidos de alto valor pedagóxico” en cuxa elaboración participen os docentes.
O presidente subliñou ademais que, “para que o acceso ao libro dixital sexa efectivo”, nos vindeiros dous anos adquiriranse 22.000 ordenadores portátiles, “dos que se poderán beneficiar os alumnos e docentes dos centros que conten co servizo”. Este acordo contempla un servizo de soporte premium 24 horas os sete días da semana en liña e telefónico.

PUBLICIDADE