A Xunta confirma o reparto de 1.750 computadores máis para fogares vulnerábeis

venres, 17 de abril do 2020 S. P.

As administracións están a pór en marcha estes días medidas para evitar que a fenda se agrande e permitir que todas as familias poidan seguir coa actividade escolar a través da teledocencia. A Xunta atópase entre estas administracións. Estes días pasados, de feito, repartiu un importante número de computadores e conexións a Internet entre as familias con escasos recursos. O primeiro subministro de material desenvolveuse en menos dunha semana. O segundo foi anunciado este venres 17 de abril para ser repartido na segunda quincena de mes.
O primeiro lote estaba constituído por 1.000 equipos informáticos con cadansúas conexións a Internet de balde para fogares con estudantes de ESO, Bacharelato e Formación Profesional. O segundo lote (anunciado este 17 de abril) inclúe 1.750 computadores máis, con cadansúas conectividades. En total, 2.750 equipos prontos para empregar e navegar.
Segundo explicou AMTEGA, cada subministro informático é un pack formado por un ordenador ultraportátil idéntico aos empregados polo alumnado no proxecto de Educación Dixital E-DIXGAL, xunto cun kit que permite a súa conexión de balde á Rede (grazas á colaboración dos operadores R, Vodafone e Orange) e mediante un router Wi-Fi 4G xunto coa correspondente liña de datos 4G. A familias recibirán os equipos e a conectividade como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o seguimento da actividade educativa, mentres dure o Estado de Alarma.

PUBLICIDADE