A Xunta colaborará con PuntoGal para impulsar o dominio galego en Internet

mércores, 10 de outubro do 2007 Raquel Noya

Fernando Blanco recibindo a uns representantes da Asociación PuntoGal no pasado mes de febreiro

A Consellaría de Innovación e Industria e maila Asociación PuntoGal van asinar un convenio de colaboración para o impulso do dominio .gal. baixo o cal se poidan rexistrar aquelas entidades, empresas ou persoas que se expresen en lingua galega e/ou fomenten a cultura do país.
Mediante a sinatura do devandito acordo, a entidade autonómica vai achegar un total de 186.000 euros para levar a cabo tódalas xestións que sexan precisas para que o ICANN (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers) finalmente aprobe o dominio galego.
Asemade, esta achega económica servirá para contratar tódolos servizos de apoio técnico e de carácter administrativo que precise a candidatura, para a edición dos materiais promocionais precisos e para sufragar os gastos ocasionados pola realización de traballos que o propio ICANN impoña para poder presentar o dominio propio.
Por outra banda, Innovación garante a presenza da Asociación PuntoGal nos eventos internacionais promovidos polo ICANN (encontros en Lisboa, San Xoan de Porto Rico ou Os Anxeles) e a contratación de stands dentro da campaña promocional do dominio galego.

PUBLICIDADE