A Xunta busca impulsar cos concellos a administración electrónica e a implantación das novas tecnoloxías no sector empresarial

mércores, 7 de outubro do 2009 Redacción

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica proseguiu hoxe a súa rolda de contactos cos diferentes Concellos galegos de cara a promoción das novas tecnoloxías no ámbito da cidadanía e das administracións públicas. Neste sentido, a xuntanza mantida co concelleiro de Promoción Económica, Emprego e Comercio de Santiago de Compostela, Xosé Manuel Iglesias, serviu para buscar puntos de encontro entre o goberno autonómico e o municipal no desenrolo destas actividades.
Así, desde a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica perséguese a máxima implicación posible por parte dos municipios en temas fundamentais como o fomento da administración electrónica e a colaboración co sector empresarial con vistas a mellorar a súa competitividade. Obxectivos, estes, compartidos coa Concellería de Promoción Económica do Concello de Santiago que, coa creación da Rede de Cooperación Local no ano 2004, trata de impulsar un contorno empresarial moderno que permita favorecer a competitividade e a innovación do tecido industrial.
Na busca destes intereses comúns, ambos gobernos colaborarán dun modo activo na optimización de recursos e na obtención de respostas precisas e eficaces a quen o solicite. Nesta liña, outro dos puntos comúns que se abordaron foi o do fomento da banda larga no Concello de Santiago, tema de especial importancia para a Xunta con vistas a cumprir co Plan director de banda larga, elemento primordial para impulsar unha estratexia global que sitúe a Galicia no núcleo da Sociedade da Información, e que lle permita garantir o acceso dos cidadáns a este servizo coa calidade e o custe axeitados así como asegurar a vertebración dixital do territorio.
Baixo este marco común, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e o Concello de Santiago acordaron manter un diálogo fluído que redunde nun escenario de colaboración frutífero na aplicación e difusión das novas ferramentas tecnolóxicas.

PUBLICIDADE