A Xunta avanza na adaptación dos rexistros civís da Coruña e Vigo á plataforma para tramitar os expedientes por vía electrónica

venres, 3 de marzo do 2023 Redacción

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni participou hoxe en Palma de Mallorca na conferencia sectorial entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas. Entre os asuntos abordados inclúese o borrador do novo acordo de distribución dos fondos europeos no marco da estratexia estatal consensuada entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades do Plan Xustiza 2030. Así, a Xunta conta con que todos os fondos estean licitados a finais deste ano e ter o orzamento asignado executado en 2025.
Tal e como trasladou o director xeral de Xustiza, a Xunta tamén está a cumprir coa implantación da nova aplicación informática DICIREG que permite tramitar os expedientes de forma electrónica avanzando deste xeito cara ao rexistro civil dixital en cumprimento da Lei 20/2011 de Rexistro Civil. A través da AMTEGA estase a prestar a formación necesaria deste complexo sistema, o que fixo posible que estea implantado xa este mes nos dous rexistros civís exclusivos da Coruña e Vigo coa adaptación da documentación a formato dixital. Para culminar este cambio de sistema no rexistro da Coruña reforzouse o persoal neste mes con dous funcionarios.
Outro dos temas abordados ten que ver co deseño de sedes xudiciais sustentables, un aspecto que o Goberno galego ten moi en conta nas recentes infraestruturas xudiciais ao apostar sempre que é posible pola rehabilitación de antigos edificios como é o caso do antigo hospital xeral na Cidade da Xustiza de Vigo. Nesta liña, o director xeral de Xustiza incidiu no compromiso da Administración autonómica coa eficiencia enerxética, a sustentabilidade e a accesibilidade nas sedes xudiciais previstas no Plan de Infraestruturas Xudiciais.
Coas comunidades onde aínda non entraron en funcionamento as novas unidades xudiciais previstas para este ano tamén se tratou este tema. Non é o caso de Galicia que, como cada ano, o 31 de decembro, cumpre coa posta en marcha dos novos xulgados asignados polo Goberno central, como ocorreu este ano cos de Primeira Instancia número 15 da Coruña, o 16 de Vigo e o 6 de Lugo.
Por outra banda, Galicia votou a favor da necesidade de asinar un convenio co Ministerio de Xustiza para que poña á disposición das comunidades autónomas con competencias transferidas en materia de xustiza as aplicacións e solucións tecnolóxicas.
Cómpre lembrar, que na xornada de onte o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, detallou as medidas de dixitalización no ámbito da administración de xustiza ao abeiro do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia dos fondos europeos Next Generation. En concreto, as medidas do coñecido Proxecto Cero financiado con fondos Next Generation para investimentos en melloras da infraestrutura tecnolóxica e en proxectos de ciberseguridade. Trátase de medidas aliñadas co Plan Senda 2025 da Xunta relacionadas coa instalación de 1.724 postos de traballo deslocalizados e os seus correspondentes sistemas de escritorios virtuais, solucións adicionais de ciberseguridade e a renovación das salas de vistas nos xulgados galegos para que funcionen de xeito integramente dixital.

PUBLICIDADE