A Xunta avanza na Administración electrónica

venres, 24 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Consello da Xunta do pasado xoves no que se aprobaron as medidas de impulso da Administración electrónica

Este xoves o Consello da Xunta aprobou un decreto para facilitar os procesos de tramitación administrativa potenciando o emprego de técnicas informáticas e telemáticas, o que tamén reduciría a documentación que debe presentar o cidadán nas súas solicitudes á Administración autonómica.
A nova norma evitaría entre outras cousas que os cidadáns tivesen que achegar unha copia do DNI ou o certificado de empadroamento, xa que o órgano responsable da tramitación poderá comprobar a información requirida por vía telemática. Tampouco será preciso achegar documentos xerados pola Administración autonómica nos últimos 5 anos, xa que se poderá acceder aos mesmos electronicamente, aínda que no caso de manexarse algún dato de carácter persoal será precisa a autorización previa do interesado.

Portelo Electrónico 24x7

A Xunta de Galicia tamén abrirá ao cidadán a posibilidade de presentar escritos e comunicacións por vía electrónica a través do Portelo 24x7, que estará dispoñible as 24 horas dos 7 días da semana como ben indica o seu nome (exceptuando os días inhábiles publicados no Diario Oficial de Galicia). Os documentos validaranse xuridicamente pola sinatura electrónica da persoa e xerarán un asento no rexistro telemático da Xunta, pasando posteriormente á consellaría correspondente que se fará cargo da súa tramitación ou contestación.

PUBLICIDADE