A Xunta avalía con Fujitsu o novo computador cuántico do CESGA

martes, 4 de abril do 2023 Redacción

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta tarde unha reunión técnica director xeral de Produto de Fujitsu España, Gonzalo Romeo, e coa directora xeral de Sector Público de Fujitsu España, Patricia Urbez, para avaliar o novo computador cuántico que vai albergar o CESGA.
Conde, que estivo acompañado polo director do CESGA, Lois Orosa, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, sinalou que este computador, do que Fujitsu acaba de ser adxudicataria, estará aberto á investigación e á innovación tanto no ámbito académico como empresarial.
As tecnoloxías cuánticas actuarán como elemento tecnolóxico disruptivo para contribuír ao desenvolvemento económico en practicamente todos os sectores ao dar lugar a aplicacións e avances en medicina, medio ambiente, biotecnoloxía, aeronáutica, automoción, loxística, telecomunicacións ou finanzas, entre outros. Estes avances están relacionados coa potencial capacidade e velocidade de procesamento dos ordenadores cuánticos, capaces de resolver problemas computacionais en moi pouco tempo en relación cos superordenadores clásicos.

PUBLICIDADE