A Xunta aproveitará as TIC para fomentar unha Administración sustentable

luns, 7 de xuño do 2010 Marcus Fernández

A Xunta de Galicia está a traballar nun Plan Estratéxico Tecnolóxico Global que establece un modelo de sustentabilidade económica, medioambiental e tecnolóxica, que aliñando táctica e estratexia permitirá a redución de custes e o aumento da produtividade en tempos de crise. Así o indicou esta mañá a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira durante a súa intervención na mesa redonda A Sustentabilidade TIC na Administración Autonómica no II Encontro co Sector Público do Observatorio Dintel 2010, que se está a celebrar en Santander.
A responsable de Modernización indicou que o actual sistema de financiamento das administracións públicas na presente situación de crise pasa por construír uns modelos de xestión eficaces en todos os seus niveis, segundo indicou a responsable de Modernización. E nesta liña as TIC xogan un rol clave no camiño cara a eficiencia, non só no que a redución de custos se refire senón tamén no tocante á mellora do control e o seguimento do gasto público.
As actuacións previstas no Plan Estratéxico Tecnolóxico Global da Xunta de Galicia, no que está a traballar a Secretaría Xeral de Modernización e que se presentará proximamente, permitirá conseguir un modelo sostible na xestión de custes, un factor clave para a Xunta e as administracións públicas neste novo ciclo económico. Mar Pereira avanzou que os obxectivos do Plan no horizonte do 2014 pasan por acadar un aforro do 25% no gasto anual TIC, un 50% no gasto de licenzas mediante o impulso do Software Life e un 30% nos gastos de mantemento da infraestrutura TIC e dos custos na enerxía medioambiental mediante modelos GreenIT.
En canto ao modelo tecnolóxico, o plan contempla unha maior eficiencia no gasto destinado ao ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación integrando investimentos, reaproveitando infraestruturas e promovendo a cooperación entre as administracións públicas. O proceso de modernización dos servizos públicos mediante as TIC, xa iniciado, é outro dos puntos básicos plan. Ademais, o estas medidas permitirán a xeración de emprego e o aumento da competitividade dos sectores produtivos.

PUBLICIDADE