A Xunta aproba o decreto que regula a presenza da Administración na Rede

xoves, 13 de outubro do 2011 Redacción

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o decreto que regula a presenza da Administración xeral do sector público na internet. O obxectivo do decreto, un dos primeiros que se elaboran no conxunto do Estado neste sentido, é garantir a transparencia informativa e impulsar a participación cidadá a través das redes sociais avanzando cara a un Goberno aberto.
É un paso máis no proceso de modernización da Administración autonómica para mellorar a accesibilidade dos cidadáns aos servizos e a información que Administración pon á súa disposición, acorde coas necesidades dunha verdadeira administración electrónica.
A presenza da Administración pública na Rede queda establecida baixo unha rede de portais estruturados arredor da web institucional, a través do cal se poderá acceder á totalidade dos portais e servizos participativos da Xunta. No portal corporativo, que ten unha media de 1 millón de visitas ao mes, o usuario terá acceso a un catálogo de portais, un inventario estruturado por temas onde atopará máis facilmente o acceso ás 288 páxinas web que ten actualmente á súa disposición.

Impulso do Goberno aberto e das redes sociais

O decreto establece as medidas para impulsar o uso das redes sociais e para avanzar en aspectos clave da eAdministración como a re utilización da información, a transparencia e a accesibilidade. O obxectivo é acadar o Goberno aberto, aquel que promove unha participación efectiva a través das canles sociais e que pon á disposición da sociedade, de maneira libre, os datos que se xeran no ámbito da Administración pública.
Este tipo de información (listas, bases de datos, informes…) posúe un grande interese e potencial para os cidadáns e empresas pola súa calidade e fiabilidade. Por unha banda, ofréceselles aos cidadáns a posibilidade de mellorar a súa información e coñecemento sobre as actividades das institucións e, por outra, facilítaselle ás empresas o desenvolvemento de novos servizos e produtos.
O avance cara ao Goberno aberto supón un elemento xerador de emprego e riqueza ao abrir a posibilidade de novas oportunidades de negocio para emprendedores que poden crear novas aplicacións e prestacións con base nesta información. Ademais, aos axentes económicos e sociais poderán ter unha maior axilidade na toma de decisións ao dispoñeren de forma fácil e asumible de información administrativa, financeira e xurídica.
O decreto impulsa o uso das redes sociais como canle de diálogo, participación consulta e opinión, a través do cal recibir valoracións e suxestións sobre a planificación de políticas e a toma de decisións en todos os niveis de goberno. A Administración autonómica incrementou progresivamente a súa presenza nestas canles e actualmente arredor de 15 departamentos da Xunta teñen contas en redes sociais como Facebook, Twitter, Tuenti, Flickr, YouTube e Vimeo e o portal corporativo conta con preto de 5.000 seguidores en Facebook e Twitter.
Para acadar un verdadeiro intercambio de información e unha comunicación fluída co cidadán, o decreto estipula o cumprimento dos criterios en materia de accesibilidade con especial atención ao acceso á información por parte dos colectivos con discapacidade funcional. Tamén regula os usos lingüísticos impulsando o uso do galego, que será a lingua de navegación por defecto e establecendo a publicación de contidos, polo menos, en galego e castelán.

Guía de políticas Web

Para conseguir unha coordinación efectiva da rede de portais o decreto define a Guía de políticas web corporativas, o documento que establece o conxunto de normas e directrices de homoxeneización no deseño, construción e posta en marcha das páxinas web.
Así, os parámetros da Guía unificarán o modo de xestión dos contidos e servizos co obxectivo de facilitar á cidadanía o acceso a eles, asegurando ao mesmo tempo a visibilidade na internet das identidades dos departamentos ou organismos implicados.
Ademais, os portais empregarán estándares abertos e de forma complementaria estándares de uso xeneralizado polos cidadáns para garantir a independencia na escolla de alternativas tecnolóxicas por parte da cidadanía.

PUBLICIDADE