A Xunta apoiará a proxección de películas en galego nas salas públicas

venres, 4 de xuño do 2010 Raquel Noya

O Goberno galego, a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, vén de anunciar que para o vindeiro ano 2011, vai poñer a andar unha iniciativa que tanto aos afeccionados ao cine en xeral, como aos galego falantes en particular nos alegra especialmente, xa que prevé poñer en marcha un circuito alternativo de salas de cine públicas homologadas para a emisión de pezas audiovisuais na nosa língua. Así o explicou onte o secreterio xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, en resposta a unha pregunta formulada polo deputado do BNG Bieito Lobeira sobre a situación e as medidas previstas para o fomento do cinema en galego. Na súa intevención, Cabaleiro explicou que a Xunta prevé poñer en marcha un “circuíto de salas públicas” onde poidan emitirse de xeito aberto este tipo de películas que normalmente “acceden con dificultade” ás salas convencionais. Para isto, as salas de titularidade municipal ou privada, asinarían un convenio coa Xunta e recibirían a homologación do Ministerio de Cultura. Malia que no noso país podemos gabarnos de ter unha boa produción audiovisual e bastante apoio económico neste senso, aínda queda moito camiño por percorrer no tema da exhibición e iso é o que, precisamente, quere conseguir a Xunta con esta acción: envorcarse un pouco máis na exhibición retomando a esixencia do Plan Xeral de Normalización Lingüística que establece a proxección en salas de 10 películas anuais en galego. En concreto, Cabaleiro indicou que a Xunta vai asinar, durante a presente lexislatura, un convenio co sector da exhibición para reservar pantallas para a proxección de películas en galego, algo que sen embargo, “se realizará segundo a disposición presupostaria”.
O responsable de Medios, que aproveitou a ocasión para destacar o papel emisor da TVG, lembroulle ás persoas asistentes o intenso labor que está a levar a cabo o Centro Galego de Artes da Imaxe, o cal dispón dunha sala permanente na que xa se exhibe gran parte do audiovisual do noso país.

PUBLICIDADE