A Xunta apoia o máster en consultoría de software libre da Universidade de Vigo

luns, 26 de xullo do 2010 Raquel Noya

Nos tempos de crise como os que estamos a sufrir neste intre, semella que a mellor alternativa para destacar un pouco no difícil mundo empresarial é investir en novas tecnoloxías da información e a comunicación, e máis concretamente nas ferramentas abertas, que ademais de aportar vantaxes económicas e de seguridade, aporta o valor engadido da súa liberdade de uso e redistribución. Pois ben, cunha achega económica de 30.000 euros, a Xunta de Galicia, da man da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, vai apoiar o uso das fontes abertas no noso país, colaborando estreitamente no desenvolvemento do Máster en Consultoría de Software Libre, organizado un ano máis pola Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo.
Este Máster, que conta con 60 créditos, cadra cos obxectivos estratéxicos de Galicia no ámbito das TIC e ten como obxectivo a formación de profesionais cun coñecemento amplo e sólido que os capacite para dirixir proxectos e levar a cabo tarefas en ámbitos concretos das Tecnoloxías da Información e da Comunicación aplicando métodos e ferramentas baseados en software libre e códigos de fontes abertas (FLOSS).
A secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron recentemente o convenio de colaboración que autoriza esta achega e compartiron a súa visión sobre este tipo de ferramentas que tanto pulo reciben dende a universidade olívica.
Dende a propia entidade académica afirman que os titulados e tituladas que cursen o Máster “adquirirán competencias específicas en desenvolvemento de aplicacións de software libre, en implantación de ferramentas de intelixencia de negocio, así como en consultoría, administración e xestión das TIC e seguridade e protección de datos”.
O Máster, que se divide en 6 módulos, ten diferentes obxectivos formativos, porén destaca sobre todo por proporcionar un amplo dominio das principais tecnoloxías de desenvolvemento de sistemas de información baseados en códigos de fontes abertas.
Asemade, os alumnos e alumnas asistentes recibirán formación específica sobre as principais técnicas de planificación, xestión e control de calidade de proxectos informáticos e sobre o marco normativo e obrigacións legais relativos á seguridade dos sistemas de información e de protección de datos son outras das liñas estratéxicas do Master.
Por outra banda, ó concluir a súa formación, tamén dominarán os aspectos e técnicas das actividades da consultoría informática así como os principais conceptos de estrutura da empresa, a función directiva, os procesos de toma de decisións, e o establecemento da política estratéxica da empresa é outra das áreas nas que se poderán formar os asistentes ao curso.
Nesta mesma liña de coñecemento do ámbito empresarial analizaranse e os fluxos e medios polos que os directivos das empresas reciben e distribúen a información do negocio así como os métodos e ferramentas que permiten aliñar a política TIC dunha empresa coas súas necesidades estratéxicas. Ademais, estudaranse os principais métodos de auditoría e mellora continua en solucións TIC, co fin de poder realizar diagnósticos de situación, priorización de propostas tecnolóxicas e xestionar adecuadamente a infraestrutura TIC da organización.
Outro dos obxectivos do Máster é que os alumnos adquiran as capacidades directivas necesarias para liderar e motivar adecuadamente a equipos de traballo multidisciplinares. No apartado da seguridade a formación centrarase en dar a coñecer os principais tipos de ameazas aos que está sometido un sistema informático, así como os métodos de protección, detección e políticas de seguridade. Plan Operativo 2010
Este convenio enmárcase no Plan Operativo 2010 en materia de Software Libre e de Fontes Abertas, dotado con 800.000 euros, e que a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica presentou o pasado mes de abril ás asociacións de usuarios e empresas de software libre galegas. O plan contempla 21 accións que desenvolverá a propia Administración autonómica e outras 60 en colaboración coas asociacións de usuarios, empresas de software libre e as tres universidades para promover o uso do FLOSS na Administración, na cidadanía e nas empresas galegas.

PUBLICIDADE