A Xunta anima ás plataformas online a participar na rede en apoio do sector agrogandeiro: Mercaproximidade

mércores, 15 de abril do 2020 S. P.

As empresas, entidades e administracións están poñendo estes días o foco nas redes, argallando novas fórmulas para minimizar os efectos da parada produtiva, económica e social nos sectores máis tradicionais e nos establecementos locais. Se antonte foi dada a coñecer Voltaremos, unha web de Ensilabs destinada a permitir a actividade comercial dos establecementos malia ter pechadas as súas portas, hoxe é a quenda de Mercaproximidade, unha canle alternativa de comercialización para os produtos agrogandeiros galegos que viron reducidas as súas vendas por mor da emerxencia sanitaria.
A iniciativa vén da man de Medio Rural, e a ela poderán adherirse os produtores de froitas, hortalizas ou mel, os gandeiros de vacún, porcino, ovino ou caprino, así como as industrias transformadoras. A súa incorporación farase de xeito preferente a través das organizacións profesionais agrarias, das asociacións de produtores e dos consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas
Poderán colaborar mercando estes produtos as grandes cadeas de distribución, as empresas adicadas á subministración de colectividades ou as plataformas de venda online. A todas estas empresas, físicas e dixitais, a Consellería de Medio Rural fíxolles este mércores un chamamento á participación.
A iniciativa é a culminación das xuntanzas mantidas estes días por videoconferencia entre o conselleiro do Medio Rural, José González, as organizacións profesionais agrarias galegas con representación no Consello Agrario e as cadeas de distribución que operan en Galicia e que xa se sumaron á iniciativa.
Coa rede Mercaproximidade, informa Medio Rural, “non só se permitirá ao consumidor acceder facilmente a estas producións nos establecementos de alimentación que permanecen abertos, senón tamén identificar a súa orixe con claridade”.
Para incorporarse á rede, os produtores e as industrias de transformación terán que enviar un correo electrónico a mercaproximidade@xunta.gal indicando os seus datos básicos e tipo de produción. A maiores, deberán achegar unha declaración responsábel na que conste que un mínimo do 50 % dos seus ingresos proceden da hostalaría e os mercados municipais, pechados na actualidade.

PUBLICIDADE