A Xunta ampliará de maneira automática os prazos dos trámites en liña en caso de incidencia

luns, 23 de decembro do 2019 Redacción

O Goberno galego vén de anunciar a ampliará os prazos dos trámites online en caso de incidencia técnica na Sede Electrónica que impida o seu funcionamento ordinario, e farao ademais de maneira automática. É un dos tres decretos que se prevén aprobar esta lexislatura no marco da Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), aprobada o pasado mes de xullo, e que busca universalizar o acceso dos galegos ao servizos dixitais.
En termos máis concretos, o decreto, que entrará en vigor trala súa publicación no Diario Oficial de Galicia, establece unha ampliación automática de 24 horas hábiles sobre o prazo previsto, “en caso de que unha incidencia técnica non programada impida o funcionamento normal da Sede Electrónica da Xunta na última hora do prazo estipulado ou durante 3 horas de xeito ininterrompido nas doce horas previas ao remate dese prazo”. O obxectivo é “incrementar as garantías e facilidades para cidadáns e empresas no contexto actual de transformación dixital, no que a xestión online se está a consolidar entre os galegos como a opción maioritaria para relacionarse coa Administración”, informa AMTEGA, ilustrando o devandito co seguinte dato: “Entre xaneiro e setembro de 2019 máis do 52% das xestións rexistradas pola Administración autonómica presentáronse online, ben a través da sede electrónica da Xunta, das oficinas virtuais, ou a través o rexistro electrónico”.
A eSede permite presentar a distancia máis 1.600 trámites, e esta foi a canle elixida preto de 500.000 galegos, que entre xaneiro e setembro empregaron a sede para realizar as súas xestións coa administración autonómica.
O decreto que regula a ampliación de prazos é un dos tres que a Administración autonómica prevé a aprobar esta lexislatura, dentro dos obxectivos marcados pola LEDIXGA. Segundo engade a axencia AMTEGA, estase a traballar neste intre na elaboración do decreto que regulará o Marco galego de Competencias Dixitais e que permitirá á cidadanía e aos empregados públicos acreditar os coñecementos e habilidades dixitais, tomando como referencia o marco europeo. Ademais, atópase en fase de elaboración o decreto que regulará o rexistro de apoderamentos, e que permitirá habilitar a unha persoa ou a un funcionario público a realizar trámites dixitais en nome doutra persoa.

PUBLICIDADE