A Xunta aforrará 1,7 millóns de euros na factura de telefonía deste ano

luns, 31 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

Na actualidade, a Xunta de Galicia ten unha Rede Corporativa de voz que, segundo datos aportados pola propia entidade pública, “dá servizo a máis de 150 edificios e dispón de 14.000 extensións espalladas por toda a Comunidade”; porén estas liñas non inclúen os 1.500 centros dependentes de consellerías e organismos autonómicos que o Goberno ten que manter e que supoñen un gasto a maiores para o Executivo.
Logo dun proceso de auditoría levado a cabo recentemente, detectáronse máis de 3.100 liñas telefónicas fixas que non se atopan integradas na devandita Rede e que, polo tanto, non contan coas mellores condicións económicas para os servizos que reciben.
Xa que logo, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica vén de renegociar con Telefónica as condicións contractuais destas liñas para acadar un control axeitado do gasto e unha mellor optimización dos recursos, o que de entrada xa suporá un aforro de 1,7 millóns de euros.
O gasto destas liñas non integradas na Rede Corporativa foi en 2009 de 2,7 millóns de euros e agora, logo de negociar coa compañía de telefonía un desconto no prezo e unha tarifa plana cun número ilimitado de chamadas metropolitanas, nacionais e provinciais, a Xunta tan só terá que aboar 1 millón de euros este ano.
Esta medida permitirá que as consellerías poidan controlar mellor os gastos dos centros que dependen delas e que contan con algunha destas liñas que non están integrados na Rede Corporativa. Estas condicións aplicaranse a todos os centros dependentes da Xunta de Galicia que están nesta situación e que a data de 1 de xaneiro de 2011 teñan algún contrato de telefonía fixa con Telefónica de España, sen alteración algunha dos seus contratos vixentes, e sen ningún compromiso adicional de manter os contratos á finalización dos mesmos.

PUBLICIDADE